PROXECTO

O proxecto do regadío da Limia podería superar os 20 millóns de euros

O estudo técnico está prácticamente concluído e as obras poderían adxudicarse a principios de 2018

Os presidentes das comunidades de regantes e os agricultores da comarca sinalan a necesidade de que se executen, canto antes, as obras para a mellora do regadío nas zonas Alta Limia, Lamas -Ganade, Sabucedo e Corno do Monte. Nestes intres e tal e como sinalou o concelleiro de Promoción Económica de Xinzo e deputado autonómico, Carlos Gómez, "o proxecto técnico está prácticamente concluído". Gómez sinalou que, "unha vez que se finalice definitivamente e se incorporen os informes preceptivos, a Xunta procedería á adxudicación da obra , para a que se estima un custo total de máis de 20 millóns de euros, a principios do vindeiro ano 2018". 

Neste sentido e tal e como explicou o grupo "popular" de Xinzo a través dun comunicado, no que atinxe ao estado dos trámites administrativos para que Medio Rural poida acometer a obra, trala tramitación da Declaración de Impacto Ambiental das catro comunidades e a elaboración do novo proxecto patrimonial adaptado á normativa vixente, tivo lugar o traslado das mencionadas declaracións ao organismo de Avaliciación Ambiental para a súa exposición pública e a pertinente recollida de alegacións. Presentáronse tres, dúas en sentido positivo e unha procedente da Sociedade Galega de Historia Natural, na que se solicita a preservación dunha especie vexetal que soamente existe na comarca da Limia. "É unha petición razoable", puntualizou Gómez.

No que ten que ver cos trámites administrativos e co propio proxecto, dende o grupo de goberno de Xinzo acusan ao grupo da oposición de Xinzo Adiante de "oportunistas", "manipuladores " e de "falsear a realidade tentando confundir aos agricultores con fins partidistas". Os "populares" manifestan o seu "malestar" cun comunicado difundido polo Xinzo Adiante, no que afirman que "a execución das obras do Plan de Regadío levaríanse a cabo grazas á Proposición non de Lei que presentaron eles no Parlamento a través de En Marea. 

Os populares afirman que "todos os trámites se estaban levando a cabo moito antes da presentación da moción". Dende o PP de Xinzo sinalan que Xinzo Adiante pretendía a inclusión dunha partida orzamentaria de 27 millóns nos presupostos de 2017 para a realización das obras "sen que o expediente estivese concluído".

Te puede interesar