INFRAESTRUTURAS

O PSOE limiao alerta do perigo das pontes do río

puente_rio_limiaS
photo_camera O estado actual da ponte ubicada no Mato de Baronzás.

Elvira Lama: "Dubidamos que o novo alcalde autoproclamado, que non mira á xente de fronte, sexa quen de ver tanta desfeita"

A portavoz do PSOE de Xinzo, Elvira Lama, tacha de "perigosa, calamitosa e intolerable" a "evidente situación de abandono na que se atopa o concello, no que as deficiencias políticas provocan outras que son tan graves que poñen en risco a vida das persoas". Nesta liña, Lama fixo fincapé na "perigosidade" dalgunhas das pontes que atravesan o río Limia por faltarlles "varandas de ferro nunha das beiras ou, no peor dos casos, nas dúas". A concelleira matizou que se trata de "infraestruturas de paso de veciños e veciñas que se adican a labores agrogandeiras, que comunican diversas vías agropecuarias para dar acceso a granxas e parcelas e evitar rodeos. É incomprensible que non dispoñan de elementos de seguridade básicos". Os socialistas limiaos apuntan, neste senso, á "obrigatoriedade" de dotar a estas pontes de mantemento e reparación.

"Unha desas pontes está no entorno do Mato de Baronzás, onde falta a varanda dun dos laterais e que ten colocada unha sinxela cinta que, pola noite, apenas se aprecia", di a edil da oposición. "O máis grave é a falta de reposición durante días e días sen a mínima preocupación por parte do PP local", engade.

A portavoz di, ademais, que "a situación de abandono percorre rúas e prazas, xardíns e parques, zonas de concentración industrial como o polígono, e o sector servizos ou a hostalería. "Dubidamos moito que o novo alcalde autoproclamado, que non mira á xente de fronte, sexa quen de ver tanta desfeita".

Te puede interesar