A LIMIA

O PSOE de Xinzo demandará en pleno novos FP para o municipio

Dende o grupo socialista recordan que, hai uns días, a anpa do IES Lagoa de Antela solicitaba reunirse cun representante do Concello e coa dirección do institutos

O PSOE de Xinzo levará ao vindeiro pleno que teña lugar na capital comarcal unha proposta para solicitar novos ciclos de formación profesional para os centros de Secundaria da localidade. A portavoz socialista e deputada provincial, Elvira Lama, asegurou que o seu grupo coñece "de primeira man as numerosas carencias en materia de ensino que está a sufrir a oferta educativa da nosa vila, xa que os ciclos de FP que se imparten na actualidade parécennos insuficientes para o número de alumnos e alumnas que non acadan o título da Educación Secundaria obrigatoria e que poderían escoller outros itinerarios formativos se os houbera, pero, por desgraza, non é o noso caso".

Dende o grupo socialista recordan que, hai uns días, a anpa do IES Lagoa de Antela solicitaba reunirse cun representante do Concello e coa dirección do institutos, co obxectivo de poñer sobre a mesa os diversos problemas detectados polos pais ao respecto do funcionamento do ensino e propoñer medidas correctoras, entre elas, a "imperiosa necesidade" de ofertar novos ciclos de FP básica en Xinzo. Nesta liña, os socialistas subliñan que é necesario traballar para evitar que moitos dos rapaces non se teñan que desprazar a outras vilas da provincia a recibir formación e poder, deste xeito, completar a súa etapa de Ensino Secundario obrigatorio.

Ante estas inquedanzas, apuntan os socialistas, "presentamos unha moción na que se insta a realizar un estudo coas Ampas e coa dirección dos institutos para saber cales son os cursos de FP e de grao medio que se poderían impartir".

Te puede interesar