política

O PSOE de Xinzo pide a paralización das probas a Policía

Os socialistas sinalan que houbo xa varias reclamacións ao respecto.

O grupo municipal socialista de Xinzo solicita, a través dun comunicado, " a paralización das probas de selección para Policía Local mentres non se resolvan as alegacións presentadas". Na liña da formación política Xinzo Adiante (XA), que reclama a creación dunha comisión de seguimento para o mencionado proceso, os edís do PSOE subliñan que tiveron coñecemento, a través dos participantes, de que houbo "un auténtico caos organizativo posto que, presuntamente, se produciron varias irregularidades". Neste senso, sinalan que alguns dos concorrentes puideron entrar antes na sala do exame e ver o contido, mentres o resto tivo que agardar fóra para poder entrar. Asimesmo denuncian que non se mandaron apagar os dispositivos electrónicos "ata 20 minutos despois de comezar a proba". Segundo os socialistas, "o caos non rematou aí" e aconteceron varias situacións "impropias", coma dar permiso para saír ao baño cando algún dos aspirantes xa vira o exame. 

O grupo da oposición reitera a súa confianza na "imparcialidade" do tribunal avaliador conformado polo sarxento da Policía Local, un axente local, outro de Ourense, a interventora da Deputación e a secretaria do Concello, pero piden que se respecten os principios de igualdade no resto das probas. Os socialistas sinalan que houbo xa varias reclamacións ao respecto.

Te puede interesar