entrevista

"Queremos batir a marca da pataca máis grande, que está en 2,680 quilos"

fn_5722_result
photo_camera José Antonio Cid, un dos nove promotores da festa, no centro de Vilar de Barrio.

A Limia é unha comarca agraria que presume do seu produto estrela: a pataca. En Vilar de Barrio, ademais, sacan peito del, e cada ano -dende hai 38- promoven unha Festa única en toda a comarca: a festa da Pataca. Serán quen de superar nesta edición o récord do tubérculo máis grande?

A Limia é unha comarca agraria que presume do seu produto estrela: a pataca. En Vilar de Barrio, ademais, sacan peito del, e cada ano -dende hai 38- promoven unha Festa única en toda a comarca: a festa da Pataca. ¿Serán quen de superar nesta edición o récord do tubérculo máis grande? José Antonio Cid Gómez, un dos nove promotores deste evento para o que non hai consignada ningunha subvención máis que as pequenas aportacións que fan os socios da agrupación creada para organizalo, dá todas as claves e adianta algunhas das novidades. 

Cando e porque xurdiu esta festa?

Foi hai 41 anos, o que pasa e que houbo tres nos que non se fixo. O alcalde de Vilar de Barrio decidiu suspendela e nós retomámola hai catro dende a Asociación Festa da Pataca. Loitamos moito para sacala adiante e facémola coincidir coa campaña de recollida. 

Cantos visitantes se achegaron o ano pasado á Vilar de Barrio?

Unhas 600 persoas. A afluenza adoita depender moito do tempo. Nesta edición, e tendo en conta que será ponte, agardamos moita máis xente. 

Que novidades teñen para esta 38 edición do evento?

Este sábado, a partir das 18,00 horas, haberá un ciclo de conferencias: unha enfocada aos nenos e as outras á xente mais maior. A dos nenos será sobre a Lagoa de Antela e as dos maiores tratarán o uso dos pesticidas e tamén sobre a lagoa. Destas últimas, unha estará impartida por Anxo Pérez, que é enxeñeiro agrícola e a outra por Serafín González, doutor en Bioloxía e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. O domingo, dende as 12,00 horas, teremos os tradicionais concursos, entre os que se atopan a pataca máis grande e a máis rara, e exposicións coma a dos nenos, que adoita ter moita expectación. Tamén haberá xogos populares grazas ao Centro de Desenvolvemento O Viso e todo tipo de atraccións e inchables, ademáis de comida a prezo popular os dous días. 

Que lles motivou a incluir a Lagoa de Antela no ciclo de conferencias?

Que a xente a coñeza porque a maioría escoitan falar da lagoa pero casi ninguén sabe o que foi. As persoas maiores si, pero o resto non, e queremos que saiban o que había e o que puido chegar a ser.

Que se perdeu, según vostede, coa Lagoa de Antela?

Non teño unha opinión moi formada. Supoño que naquel momento, os seus motivos terían para abordar aquel proceso. Penso que a lagoa desecada deu moito diñeiro aos agricultores, pero entendo que para os ecoloxistas fose unha marcha atrás. Tampouco sei como estaría agora de tela mantido. 

Teñen a única festa da comarca que ensalza o seu produto estrela, que pretenden con ela?

Si, somos a única. Creo que en Xinzo queren facer unha exposición ou algo similar, pero de momento somos os únicos. Queremos ensalzar o produto aínda que nos gustaría chegar moito máis lonxe, o problema é que non temos axuda institucional ningunha. Co que temos queremos axudar aos agricultores, premialos e dar a coñecer a pataca da Limia. 

Cal é o record da pataca máis grande?

Son 2,680 quilos e leva invicto dende 1994. Ninguén logrou superar esta marca. O premio para quen o consiga será de 100 euros, ademais dos 200 que tería por presentar a máis grande da festa.

Te puede interesar