entrevista

José Balseiros: “Queremos ser pioneiros en agrogandeiría e xestión ambiental"

balseiros
photo_camera O director xeral de Gandaría, Silvestre José Balseiros.
O director xeral de Gandaría anuncia a lei que rexerá a xestión de residuos en comarcas como A Limia

O director xeral de Gandaría, José Balseiros, anuncia a lei que rexerá a xestión de residuos en comarcas como A Limia, logo de varias semanas convulsas no sector. Tamén prepara a Mesa da Limia con "cuestións importantes" para o 20 de setembro. 

Que se pretende coa nova Lei de xestión de dexeccións gandeiras?

O sector gandeiro galego foi crecendo de xeito exponencial. Nestes momentos hai ao redor de 2,7 millóns de cabezas de gando repartidas en 36.000 explotacións e, como se pode comprobar, esta cabana xenera un importante número de xurros que é preciso xestionar adecuadamente, tanto por motivos económicos, como polos ambientais. Por este motivo, a Xunta vén de publicar unha consulta pública previa á elaboración e tramitación dun anteproxecto de Lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeneradas en Galicia. Todos os axentes interesados, agricultores, gandeiros, asociacións agrarias, sindicatos e ecoloxistas poderán facer as súas aportacións a esta redacción para acadar o máximo grao de consenso posible. A Consellería do Medio Rural abriu no Portal de Transparencia unha consulta pública que se manterá ata o 15 de setembro. O principal obxectivo é poñer en marcha o Sistema Integral de Xestión das Dexeccións Gandeiras -Sidega- que é unha iniciativa coa que se pretende abordar todo o relativo ao tratamento e aproveitamento dos mencionados residuos, compatibilizándoos co aproveitamento tradicional como abono, pero con novas prácticas máis sustentables. Agora mesmo temos o borrador do anteproxecto e, se todo vai ben, se presentará no Parlamento de Galicia antes de que remate o ano. 

Co anteproxecto na man, ¿cales son as diferenzas máis salientables en comparación co código de boas prácticas agrícolas?

Anteriormente había unha normativa europea estatal e comunitaria que o que facía era, a través dunha serie de códigos de boas prácticas, permitir o emprego dos xurros como abono e fertilizante nas explotacións. Ben é certo que había algunha prohibición como a de botar os xurros coas cisternas en abanico, co plato das propias cisternas. Esta prohibición tiña como finalidade impedir a expansión do amoníaco ao medioambiente. Neste apartado hai que aclarar que non está expresamente obrigado inxectalos no suelo, senon que está permitido facelo cos tubos colgantes das propias cisternas. O que sucede é que entendemos que é o momento no que se debe abordar esta problemática dado o crecemento da cabana gandeira e dos residuos. Queremos que Galicia sexa unha comunidade pioneira en facer fronte a esta cuestión, preservando o medioambiente e producindo produtos agrogandeiros de alto valor. 

Existe ou non un problema de contaminación de augas subterráneas na Limia?

Na Limia o que hai é unha oportunidade nesta materia. É indiscutible a importancia das dexeccións gandeiras para o uso do sector agrogandeiro, pero é certo que cómpre regular o seu empregamento para obter un aproveitamento axeitado e compatible co medioambiente. O que si temos é unha comunicación do Ministerio de Transición Ecolóxica, que remitiu a esta Administración Autonómica para facer alegacións. Trátase dun proxecto de orden ministerial polo que se determinan augas continentais afectadas pola contaminación por aportación de nitratos de orixen agrario ou en risco de estalo, que é o caso que pode pasar na Comarca da Limia. Nós fixemos alegacións en base aos datos que nos ofreceu a Confederación. A nós non nos consta que teñamos pasado os límites que están legalmente establecidos e fixados en 50 miligramos de nitratos por litro de auga. 

Existe un pouco de confusión na comarca no que atinxe a estes datos...

Nós os datos aos que nos referimos son os que aporta a propia Confederación. Na Xunta non facemos medicións. Para decir toda a verdade, hai que matizar que dous anos atrás houbo determinadas mostras en puntos estipulados da Limia nos que se sobrepasaron levemente estes límites. Pero tamén é certo que, daquel tempo a agora, a tendencia é ao descenso neste senso. 

Moitos políticos locais, gandeiros, asociacións e plataformas teñen a sensación de que as institucións supramunicipais miran cara outro lado cando se fala da Limia, ¿é a gran esquecida?

Na Consellería e na Xunta temos perfectamente identificadas as zonas de maior sensibilidade como pode ser a Comarca da Limia, e proba diso foi a constitución da Mesa da Limia, na que participan asociacións, pataqueiros, gandeiros, comunidades de regantes, ecoloxistas e políticos. Temos que dicir que lamentamos profundamente que non se presentaran representantes da Confederación do Miño Sil. Nestes momentos está novamente convocada para o 20 de setembro. 

Dada a problemática existente, que empeza a ser palpable nas rúas, ¿por que tardaron cinco meses en convocala?

A nós xa nos gustaría facer unha lei dun día para outro ou reducir os procedementos administrativos, pero están regulados e os prazos tamén. Nestes meses seguiuse con reunións que van a ser expostas na vindeira Mesa da Limia. Para nós a Comarca da Limia é prioritaria. 

Que existe unha discusión e una forte preocupación social polos diferentes puntos de vista sobre este asunto é un feito recoñecido por asociacións e institucións ¿Pensa vostede que a preocupación existente nos distintos colectivos está fundamentada?

Teño coñecemento de que houbo algún altercado e diferencias de criterios na comarca. Nós recibimos a todo o mundo e podo dicirlle que algún colectivo, como Auga Limpa Xa, estivo presente na Mesa da Limia e tiveron un comportamento exemplar. Todo o mundo ten dereito a expresar a súa opinión. Non recoñecer que hai que dar unha solución á xestión dos residuos agrogandeiros non sería adecuado. Nós o recoñecemos e estamos actuando. Hai que abordalo dun xeito integral e coordinado.

Se queremos que non se estanque o sector agrogandeiro na nosa comunidade temos que tomar medidas e adecuarnos á situación. O Sidega permitirá solucionar esta cuestión dos residuos.

Te puede interesar