Reforzo da seguridade viaria na OU-531 entre Xinzo e Sandiás

undefined
photo_camera Maquinaria empregada nos traballos de mellora do vial.
O obxectivo é, unha vez rematada a intervención, favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

Enmarcadas no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas -cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros- estanse a realizar, na actualidade, obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-531 ao seu paso polos concellos de Sandiás e de Xinzo de Limia. Os traballos céntranse, concretamente, no treito coincidente co Camiño da Vía da Prata e o obxectivo é, unha vez rematada a intervención, favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

Esta actuación iniciouse a pasada semana e conta cun investimento total de máis de 5.000 euros. 

Tal e como explican dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, os operarios estanse ocupando da poda e limpeza das marxes e cunetas da estrada e do reforzo da sinalización horizontal e vertical ao longo de catro quilómetros desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos cero e catro. 

Coas obras que se están a executar búscase reforzar a seguridade neste tramo da OU-531 que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.

Como a de Xinzo e Sandiás, en Ourense están programadas cinco actuacións nos distintos camiños e trazados da Ruta Xacobea. Tamén haberá máis na provincia da Coruña, onde hai previstas un total de 11, e en Lugo, onde se realizarán 23.  O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo o pasado ano nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago cun investimento de 1,4 millóns de euros.

Te puede interesar