A renovación da rúa Dous de Maio de Xinzo costará 250.000 euros

undefined
photo_camera Elvira Lama, xunto a Ramón Gómez, edil de Obras, e un dos técnicos municipais.
Aproveitaranse as obras para soterrar a rede de iluminación, que actualmente discorre de forma aérea entre os edificios, e realizaranse as conexións e arquetas correspondentes.

O goberno cuatripartito de Xinzo rematou a memoria a partir da que se pretende renovar a rúa Dous de Maio, concretamente, infraestruturas e pavimentación, así como acadar unha mellor accesibilidade nun entorno que presenta serias deficiencias neste senso. O orzamento de licitación das obras ascende á cantidade de 250.000 euros. 

Por unha banda, a intervención centrarase na renovación do pavimento e das infraestruturas, e demoleranse as beirarrúas da marxe dereita, así como as escaleiras, ramplas e zonas verdes que serven de unión entre as mesmas. Todo será reconstruido en base á nova normativa.

Por outro lado, acometerase a mellora da rede de saneamento coas correspondentes acometidas e a instalación de bocas rego. Do mesmo xeito, conectarase á nova tubaxe unha rede de rego automático para o mantemento das novas zonas verdes. 

Por último, aproveitaranse as obras para soterrar a rede de iluminación, que actualmente discorre de forma aérea entre os edificios, e realizaranse as conexións e arquetas correspondentes.

Para acometer esta necesaria intervención, o goberno local busca cooperación supramunicipal. Neste senso, xa solicitou sendas entrevistas a Xunta e Deputación de Ourense para chegar a un acordo de financiación entre as tres administracións e así poder levar a cabo esta actuación. 

Con todas estas actuacións, o executivo local de Xinzo de Limia pretende eliminar as deficiencias existentes na zona, proporcionando un entorno seguro e adecuado para os seus habitantes. 

A memoria tivo que ser actualizada recentemente, apuntan dende o Consistorio, debido ao “incremento das materias primas”.

Te puede interesar