A rotación de forraxes aumenta o leite producido

forrajes_resultado

 As terras de regadío da comarca da Limia convertíronse en fincas de ensaio co obxectivo de avaliar o rendemento e o valor nutricional do cultivo ecolóxico de tres especies forraxeiras de verán –millo, sorgo, pasto do Sudán e un híbrido de sorgo con pasto do Sudán–. Neste senso, estableceuse unha rotación con cultivos de inverno constituídos por unha mestura de trevos anuais con raigrás. Do mesmo xeito e dentro do proxecto, analizouse a implantación de pastos mixtos a base de gramíneas e trevos cunha composición botánica diversa. 

Segundo explicaron dende a Consellería de Medio Rural, estes traballos e experiencias viñeron a demostrar que as rotacións de forraxes ecolóxicas contribúen ao incremento da produción do leite de vacún e á redución dos custos nas explotacións. Máis concretamente, o obxectivo pasa por contribuír a unha maior sustentabilidade das explotacións ecolóxicas da zona a través do incremento da produción e da redución de custos en alimentación para as vacas. 

Para consolidar a iniciativa e tal e como expuxeron dende a Xunta de Galicia, os traballos seguen actualmente adiante na liña de reafirmar unha alternativa de cultivos a catro anos nas parcelas de regadío que integran rotación con prados. Asimesmo, búscase facer un seguimento e mellorar os pastos en terreos de sequeiro, explorando a posibilidade de introducir leguminosas mediante técnicas de sementeira directa e en superficie. 

Galicia é, segundo din, "líder absoluta" en leite ecolóxico, cunha produción que supera as 22.000 toneladas anuais procedentes de  120 explotacións. As explotacións gandeiras ecolóxicas galegas representaban en 2019 o 51% do conxunto español no caso do bovino de leite, o 35% en polos de carne e o 11% en porcino. Dende Medio Rural poñen como exemplo a unha explotación leiteira de Allariz e a súa iniciativa para buscar forraxes sostibles.

Te puede interesar