Samuel Formoso, gandeiro de Barrio, responsable de Carne de Vacún no Sindicato Labrego Galego

Samuel Formoso
photo_camera Samuel Formoso, gandeiro limiao.

Este sector conta co maior número de granxas en Galicia 

Este sábado conmemorouse o Día Internacional das Loitas Labregas e, coincidindo coa efeméride, o Sindicato Labrego celebrou en Maceda o congreso sectorial de vacún de carne. Neste encontro, a afiliación decidiu nomear a un limiao natural de Vilar de Barrio, Samuel Formoso, responsable deste sector para os vindeiros catro anos, sendo Mari Carme Varela, de Vilameá (Guntín, Lugo) a súa número dous. 

Dende o Sindicato Labrego Galego puxeron de manifesto neste congreso a importancia que ten o sector da carne de vacún en Galicia, sendo o que conta con maior número de granxas. Apoiandose en datos do Ministerio de Agricultura, puntualizaron que Galicia tiña, en xuño de 2020, un total de 22.962 granxas especializadas en vacún de carne, ás que habería que engadir outras 428 mixtas, o que supón o 27,5 por cento das explotacións de vacas para carne do Estado. Grazas a esta importante presenza gandeira e, concretamente, ao sector da carne de vacún, dende o Sindicato afirmaron que se consegue o feito de manter poboadas algunhas das zonas do país, como as de montaña, máis castigadas polo abandono e o envellecemento, cumprindo desta maneira unha función esencial na xestión e vertebración do territorio.

Por outro lado, tamén se abordaron outras cuestións como a problemática existente á hora de falar de prezos e que se agudizou durante os meses máis críticos da pandemia do covid-19. Neste senso, o relatorio aprobado no Congreso de Vacún de Carne do Sindicato Labrego fala de "baixadas de ata 70 céntimos por quilo en Tenreira Suprema ou de case o 50 por cento nas vacas de desvelle" con vías de comercialización convencionais.

Te puede interesar