Sandiás doará 1.200 kilos de alimentos neste Nadal

IMG-20211222-WA0047 (1)
photo_camera Parte do recollido en Sandiás nas últimas semanas.
A Cooperativa Postoiro donou 25 bolsas de cebolas para esta finalidade solidaria. 

Son moitas as parroquias que, nestas datas, amosan a súa faciana máis solidaria. É o caso do municipio de Sandiás que, logo dun proceso de recollida en colaboración coas comunidades parroquiais de Santo Estevo de Sandiás, de San Xoán de Piñeira de Arcos e de Santa María de Couso de Limia; recolleu 1.200 kilos de alimentos solidarios para doar neste Nadal ás familias que máis o precisen. Tamén se recolleron xoguetes para os máis cativos e 300 euros en donativos que foron reinvestidos en alimentos de primeira necesidade mercados nos locais comerciais do municipio. 

O traballo levouse a cabo por veciños voluntarios e mediante a axuda tanto do Concello, como do supermercado de Sandiás, a tenda dos pataqueiros de Piñeira de Arcos, o Colexio de Primaria e o PAI -Punto de Atención Infantil- de Sandiás, así como da tenda de Josefina e de Carmen, en Couso de Limia. A Cooperativa Postoiro donou 25 bolsas de cebolas para esta finalidade solidaria. 

Todo o recollido derivouse ao Banco de Alimentos e, dende o Consistorio, quixeron agradecer aos voluntarios e veciños “por achegar cada un o seu gran de area e así lograr unha montaña de alimentos que permita un Feliz Nadal en todos os fogares”.

Te puede interesar