Sandiás ofrece mañá venres unha visita á Igrexa de Santo Estevo

A Axencia de Turismo de Galicia colabora nesta iniciativa para promocionar o patrimonio desta localidade

Sandiás ofrece mañá venres, día 2 de abril, unha visita á Igrexa de Santo Estevo co obxectivo de seguir conmemorando os seus cincocentos anos de vida e de atraer visitantes ao concello da comarca limiá nunha xornada festiva. 

A actividade comezará ás 11,00 horas da mañá e as prazas para poder participar serán limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente no teléfono 988 44 08 31. 

A Axencia de Turismo de Galicia colabora, a través dunha subvención, coa promoción deste templo do estilo gótico tardío e renacentista construido no ano 1520 polo mestre de cantería portugués Bartolomeu Nosende. 

Os visitantes que se acheguen ata Sandiás para participar nesta visita poderán observar o retablo renacentista de Francisco de Moure, as Portas Manuelinas tanto da fachada principal como da lateral e unha bóveda de crucería renacentista. 

Unha guía da cooperativa Xeitura Patrimonio será a encargada de atender todas as visitas que se enmarcan nunha iniciativa promocional.

Te puede interesar