A LIMIA

O Sindicato Labrego critica as carencias da oficina agraria limiá

Sinalan que a de Xinzo é unha das oficinas que conta con maior carga de traballo de todas as que se reparten pola provincia de Ourense e de Galicia

O Sindicato Labrego Galego critica a falta de medios que padece, na actualidade, a Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Xinzo de Limia. Por este motivo, rexistrou un documento no que insta á Xunta de Galicia a que a dote con recursos suficientes, tanto humanos como materiais, a este servizo que da amparo a centenares de agricultores.

Neste senso, sinalan que é unha das oficinas que conta con maior carga de traballo de todas as que se reparten pola provincia de Ourense e de Galicia e, ademais, "leva varios meses sen técnicos para tramitar axudas nin para xustificar as xa aprobadas".

Por outra banda, apuntan a que acaba de abrirse o prazo para tramitar as Axudas da Política Agraria Común (as PAC) e, en pouco tempo, comezarán as campañas para solicitar axudas como as de novas incorporacións ou de plans de mellora, entroutras, que suporán unha carga de traballo extraordinaria á que non van a poder responder, din, dende a oficina de Xinzo de Limia.

O Sindicato Labrego fala de "desmantelamento" por mor dos recortes que a Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Rural levan anos executando en toda a rede de oficinas comarcais de Galicia "substituíndo moitos servizos por trámites telemáticos que, na maioría dos casos, obrigan a usuarios  a contratar servizos privados para poder xestionalos", denuncian dsede el sindicato.

Por último queixanse de que as OACs foron perdendo o seu importante labor de formación e asesoramento.

Te puede interesar