política

Os socialistas de Sarreaus piden que se eliminen os restos das podas

Ao longo do verán realizáronse tarefas de limpeza e desbroce, sen levar a cabo a retirada dos restos

Os socialistas do Concello de Sarreaus urxen á eliminación dos restos das podas que quedaron abandonados nas cunetas e marxes da estrada OU-1102. Dende este grupo explicaron que, ao longo do verán, acometéronse tarefas de limpeza e desbroce neste vial, que é de titularidade da Deputación. Sen embargo, estes traballos, -subliñaron dende o PSOE- "a pesar de ser obrigatorios, necesarios e urxentes, non se levaron a cabo de xeito óptimo, dado que os restos das árbores e arbustos, resultado do traballo da nova desbrozadora, quedaron abandonados nas cunetas". 

Estes espazos, ó marxe da estrada, están agora "nun estado inadecuado e perigoso e ateigados de ramas secas", o que supón, a xuízo dos propietarios de leiras colindantes e tamén dos veciños e veciñas, "un perigo engadido ante posibles incendios forestais". 

Javier Bouzas, voceiro dos socialistas de Sarreaus e concelleiro, solicitou a pasada semana por escrito que o Concello de Sarreaus proceda á inmediata retirada dos mencionados restos das podas feitas nesta estrada. 

Por outra banda, o edil da oposición pediu que, de ser competencia exclusiva da Deputación de Ourense, "por ser quen acometeu as podas e ser unha vía de seu" se comunique a situación a esta institución para a súa eliminación "coa máxima celeridade e urxencia".

Te puede interesar