Suspendidos os talleres tecnolóxicos por falta de inscritos

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Cultura, viuse na obriga de suspender os talleres tecnolóxicos creativos de 2020 -o seu inicio estaba previsto para onte venres, día 30 de outubro- por non chegar as inscricións ao número mínimo de alumnos. Así o confirmou o edil de Cultura, Ramiro Rodríguez, quen se lamentou do escaso apoio a esta iniciativa malia terse convocado prazas tanto para modalidade "online", como presencial. "O motivo real é que non se chegou a xuntar o número mínimo de nenos en cada un dos cursos para poder desenvolvelos. Nós entendemos o medo que pode haber entre a xente, pero é unha mágoa porque tamén ofertamos modalidade 'online'", asegurou o concelleiro de Cultura de Xinzo. "De feito, demos esta posibilidade pensando naqueles pais que tiveran máis reticencias á hora de enviar aos seus fillos a este tipo de actividades tendo en conta a situación que se vive co covid-19", engade. 

Malia a súa suspensión, o obxectivo é retomar esta iniciativa cando a situación epidemiolóxica mellore. "Era unha formación que nos parecía moi interesante. Quizáis non houbo tempo suficiente para facelo, pero intentamos divulgalos o máximo posible", explicou Rodríguez. Os cursos estaban divididos en talleres de murais interactivos, de cinema, streaming gaming e postais con realidade virtual.

Te puede interesar