patrimonio

A talla do premio Pedra Alta inspírase no menhir da lagoa

<p></p>
photo_camera De esquerda a dereita: Delfín Caseiro, Manuel Seoane, Lola Peláez, Xosé Lois Carreira e Antón Jardón.

Foi creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira e será entregada o 25 de novembro a Elixio Rivas

O Liceo de Ourense acolleu a presentación da figura do Premio Pedra Alta, que outorga o Padroado do Museo da Limia de Vilar de Santos. O escultor limiao Xosé Lois Carreira foi o creador deste galardón que consiste nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga Lagoa de Antela e que se coñece de maneira popular como "Pedra Alta". Carreira é tamén autor doutras creacións na comarca limiá, como é o caso da escultura homenaxe a Toñito Castro "Maestro", que fora presidente do Antela F. C. O escultor tamén ten en proxecto a escultura da Dama da Lagoa, que se ubicará nunha das rotondas que da acceso a Xinzo de Limia.

Por outra banda, o premiado, que este ano será o ourensán experto en etnografía, toponimia e arqueoloxía, Elixio Rivas, recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Tanto estes últimos como Xosé Lois Carreira son membros do Consello Asesor do Museo da Limia, co que colaboran de xeito altruísta.

O obxecto deste premio, que será entregado o vindeiro sábado, día 25 de novembro, na sede do Museo da Limia de Vilar de Santos, é recoñecer o traballo e dedicación de persoas ou entidades dedicados a poñer en valor o coñecemento do pasado, a análise da realidade actual, a creación intelectual e os elementos identitarios, así como o seu apoio ao desenvolvemento económico e social, da comarca da Limia.

O primeiro premiado

O padre paúl Elixio Rivas Quintas ven compaxinando, ao longo da súa dilatada existencia, a actividade docente na ensinanza secundaria e na superior, cun inxente traballo de investigación e difusión en ámbitos como a Lexicoloxía, a Onomástica, a Toponimia, a Filosofía e a Etnografía.

Rivas Quintas foi autor, entre máis de 50 escritos, dunha obra lexicográfica monumental, composta de 25 volumes, denominada "Léxico rural do noroeste hispánico" e dun libro fundamental para o estudo do territorio limiao: "A Limia: Val da Antela e Val do Medo", datado de 1985.

Foi artífice dun completo museo arqueolóxico-etnográfico, que reúne todos os saberes populares e que se garda nas dependencias do santuario dos Milagres. Segundo sinalan dende o Padroado, Rivas "é un dos máis grandes sabios da nosa terra e ten contribuido a difundir e acrecentar a cultura galega". 

Te puede interesar