A Limia

“Todo o mundo coñece a Torre de Sandiás pero non a Igrexa de Santo Estevo"

A Limia

Entrevista

“Todo o mundo coñece a Torre de Sandiás pero non a Igrexa de Santo Estevo"

Noemí Álvarez nunha das visitas á Igrexa de Santo Estevo de Sandiás.
photo_cameraNoemí Álvarez nunha das visitas á Igrexa de Santo Estevo de Sandiás.
"É unha das poucas igrexas que exhiben o estilo similar ao Manuelino portugués en Ourense", din Noemí Álvarez, encargada de guiar os percorridos

Co gallo do quinto centenario da construcción da Igrexa de Santo Estevo de Sandiás, o Concello, en colaboración coa parroquia e a Axencia Galega de Turismo, está a promover unha serie de visitas guiadas -15 en total- a este templo para dalo a coñecer e revalorizalo, sobre todo, entre os máis cativos. Noemí Álvarez, da Cooperativa Xeitura, é a encargada de guiar os percorridos. 

Que se ensina nestas visitas sobre a Igrexa de Santo Estevo?

A súa historia e particularidades nun periodo de tempo de aproximadamente dúas horas, dependendo das inquedanzas que poida ter a xente. É un templo do século XVI que na documentación fálase de que se remata antes do 1520. É unha das poucas que exhiben o que é o estilo similar ao Manuelino portugués en Ourense. 

Como está sendo a acollida das mesmas?

Na primeira visita encheuse o cupo, e na segunda houbo un pouquiño menos de xente porque coincidiu co peche e restriccións de movilidade en distintos puntos da provincia. A terceira foi cos nenos do Colexio de Sandiás e as dúas vindeiras están xa completas. 

Cales destacaríamos como os rasgos fundamentais e identificativos deste templo?

As portas e a súa decoración, sobre todo a principal, que é a que está máis decorada. Adoitan chamar moito a atención polas formas que teñen e que recordan ao Manuelino. A porta lateral tamén ten un pequeno trazo, pero está menos decorada. Destaca porque sendo unha igrexa de finais do Gótico, Tardogótico, e pese a construirse no século XVI, o estilo é chamativo en comparación coas igrexas que se vén pola zona. Estamos acostumados a ver, sobre todo, Románico neste entorno. 

Que é o que fai especial a Igrexa de Santo Estevo de Sandiás?

No interior conserva un retablo de comezos do século XVII de Francisco de Moure, que foi un dos escultores máis importantes da época aquí en Galicia. 

Por que éste chama a atención?

Porque é diferente aos que estamos acostumados a ver nas igrexas da zona, moito máis cargados. O que se atopa na Igrexa de Santo Estevo de Sandiás é moito máis sinxelo e armónico e conserva, tamén, as súas esculturas na posición orixinal. Ésta é unha particularidade porque ao longo do tempo adoitanse mover. Son imaxes do comezo da vila escultórica de Moure, pero estan moi ben traballadas. 

Cales serían as esculturas máis sorprendentes?

Chaman a atención as figuras de San Pedro e de San Pablo dentro do retablo. 

As sucesivas obras de restauración permitiron arroxar algún dato descoñecido ou descubrimento?

Por exemplo, no 2000 fixéronse unhas obras de restauración coas que se descubriu a data de finalización do retablo: 1607 que, a día de hoxe, pódese ler. Os restauradores tamén detectaron novas cores que antes non se vían.  

Cal foi a derradeira intervención que se fixo neste templo?

No 2008 fixéronse obras na tribuna porque había unha viga que estaba mal e reforzouse. Cambiáronse os peldaños que conducían á tribuna, de feito, e se fixo unha humanización do entorno para poñer en valor rectoral e cruceiro.