As traballadoras do centro de día de Vilar de Santos, en folga

IMG
photo_camera As traballadoras do servizo.
"O señor Feijóo pretende desmantelar o noso equipo profesional", lamentan. 

As traballadoras do centro de día e da vivenda comunitaria de Vilar de Santos anunciaron este mércores que, na xornada de mañá xoves iniciarán unha folga indefinida que se perpetuará os vindeiros xoves con paróns da actividade laboral entre as 08,00 horas e as 11,00 horas. O obxectivo da interrupción é secundar a folga nas escolas infantís, centros de maiores, e oficinas da Xunta de Galicia que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xa que, tal e como subliñan as traballadoras "o señor Feijóo pretende desmantelar o noso equipo profesional e o fai no peor momento dunha pandemia na que todas estamos en primeira liña. Así nolo pagan", lamentan. 

As traballadoras aseguran que se está a realizar "un abuso reiterado" con elas tendo en conta os seus contratos laborais e, "en vez de facer o posible para que os nosos contratos sexan fixos, pretenden botarnos a rúa". Neste senso, recordan que "as Directivas Europeas prohiben o uso abusivo da contratación temporal á que nos vimos sometidas todos estes anos". 

Por último, dende o centro pediron ás familias que, nun acto de solidariedade, "non acudan os días de folga ao noso centro de día" por esta situación.

Te puede interesar