A LIMIA

Trasmiras aprobou o seu primeiro Plan Xeral

Reserva para espazos libres e zonas verdes case 70.000 metros cadrados

O Concello de Trasmiras acaba de dar un paso máis de cara á entrada en vigor do seu primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal. O Diario Oficial de Galicia vén de facer público o documento que entrará en vigor, de xeito efectivo, logo da súa aparición no Boletín Oficial da Provincia e da súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico. Deste xeito, culminarase un traballo que comezou a deseñarse e planificarse hai mais dunha década.

O Concello de Trasmiras non contaba, ata agora, con ningún tipo de planeamento propio e se rexiu por un Plan Básico Autonómico e polas Normas Subsidiarias de Planeamento Provinciais.

Unha vez que entre en vigor o PXOM de Trasmiras, o municipio contará cun marco de ordenación integral, caracterizado por aportar a "precisa e obrigada seguridade xurídica", tal e como apuntan dende a Xunta, "acorde coa realidade territorial de Trasmiras e que se rexe polo principio de utilización racional dos recursos e desenvolvemento sostible do territorio".

Nestes 10 anos, estudouse a superficie do concello, que conta con 52 quilómetros e 10 parroquias: Abavides, Chamusiños, Escornabois, Lobaces, Rabal, Trasmiras, Vila de Rei, Vilar de Lebres, Vilaseca e Zos. Neste senso, o municipio é rural na súa práctica totalidade, onde máis do 95 por cento corresponde a solo rústico e 3,23 a núcleo rural. O 0,18 por cento é urbanizable e o 0,67 trátase de solo urbano.

O documento de Trasmiras reserva 70.000 metros cadrados para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 40,5 por cento máis do que esixe a Lei do Solo, e os 20.500 metros cadrados destinados ao sistema xeral de equipamento comunitario, un 24,23 por cento máis do que esixe a normativa vixente, matizaron dende a administración autonómica.

Te puede interesar