Trasmiras terá o novo cemiterio a finais de 2023

undefined
photo_camera Manuel Baltar e Emilio Pazos durante a sinatura do convenio.
A Deputación fará unha achega de 150.000 euros para o proxecto, pendente de aprobación

A construcción do novo cemiterio de Vilaseca, en Trasmiras, está máis preto de ser unha realidade. Logo da realización de todos os trámites pertinentes, o equipo de goberno atópase nestes intres pendente da autorización da Confederación Hidrográfica Miño - Sil para poder levar a pleno o plan parcial e, posteriormente, trasladarllo á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. A continuación, e tal e como explicou o rexedor, Emilio Pazos, será a quenda da realización do plan de execución e a adxudicación da obra, sobre a que se prevé o comezo no segundo semestre do ano. 

Precisamente, o alcalde de Trasmiras achegouse ata Ourense para manter un encontro institucional co presidente da Deputación, Manuel Baltar. Na xuntanza ambos representantes asinaron un convenio de colaboración por valor de 150.000 euros, cos que o ente provincial apoiará a construcción do novo campo santo, que partirá cun orzamento total de 200.000 euros. 

O futuro novo cemiterio é un dos proxectos de vital importancia para o Consistorio, xa que, actualmente, non hai posibilidade de ampliar o parroquial, e este se atopa completo. Polo anterior, Pazos destacou o acordo como “absolutamente fundamental”. 

Pola súa banda, Manuel Baltar valorou o convenio como “un exemplo máis do beneficiosa que resulta a cooperación entre as administracións” xa que é algo que “permite levar a cabo todos aqueles proxectos que os concellos desexan, e que serven para mellorar o benestar dos veciños da provincia”. Ademais, Baltar quixo incidir en que ”esta Deputación sempre traballará ao carón dos concellos para coñecer a súa situación e colaborar no seu propio desenvolvemento”.

Te puede interesar