POLÍTICA LOCAL

Traveso perde a cuestión de confianza no pleno de Sandiás

10P.03.17.SANDIAS.CONCELLO PLENO.
photo_camera Un momento do pleno da corporación municipal que debatíu a moción de confianza.

A oposición ten ahora un mes para presentar unha moción de censura e un candidato a alcalde

O pleno da Corporación de Sandiás rexeitou a moción de confianza vencellada aos presupostos presentada polo rexidor local, Felipe Traveso. O alcalde, que goberna en minoría con dous concelleiros  da formación Agrelsan, convocou unha sesión extraordinaria para abordar esta cuestión despois de que, no plenario celebrado o pasado 16 de febreiro, non obtivese os apoios necesarios para aprobar os presupostos correspondentes a 2017. 

Sandiás segue a operar, na actualidade, cos presupostos prorrogados do ano 2015 e, por este motivo, Traveso deciciu "desbloquear a situación política do Concello someténdose a unha cuestión de confianza". O alcalde esgrimiu que "continuar traballando cos presupostos de 2015 produciría unha paralización importante nos proxectos a levar a cabo, coa obriga de someter a pleno todas e cada unha das subvencións que puidese haber e retardando o funcionamento do Concello". 

O portavoz do grupo popular  do Concello de Sandiás, Francisco Santana, rexeitou a aprobación da cuestión de confianza para Traveso apuntando o feito de "non atopar problema en que o grupo de goberno teña que presentar os proxectos e subvencións no pleno" e engadindo que, "sempre que se presentaron propostas boas para Sandiás, o grupo popular mostrou o seu apoio a pesar da falta de información existente sobre os proxectos". 

A intervención do grupo socialista, a través do seu portavoz Manuel Quintáns, xerou os momentos máis tensos da sesión. O socialista ratificou o "non apoio" aos presupostos por considerar que "se presentaron tarde", que "contan cunha estructura similar aos que elaboraba o anterior goberno do Partido Popular", e que "son cortopracistas". Quintáns acusou a Traveso de ter "incompetencia para pactar" e de "pretender gobernar como se tivese maioría absoluta". 

Traveso defendeu a súa postura argumentando que "tratou de falar co portavoz do Partido Socialista en Sandiás sen éxito" e que , por este motivo "os presupostos presentáronse tarde". O rexidor engadiu que "os presupostos son axustados á realidade do Concello", que "dependen das subvencións" e que pola súa banda "soamente busca o beneficio de Sandiás.

O alcalde esperaba que se abstivesen

Co rexeitamento por parte do grupo municipal do Partido Popular, do grupo socialista e do concelleiro non adscrito, da proposta de aprobación da cuestión de confianza presentada por Felipe Traveso, ábrese un prazo de un mes para que a oposición presente unha moción de censura e propoña un novo alcalde para o Concello de Sandiás. 

Se o vindeiro día 10 de abril, non se presenta no Consistorio a mencionada moción acompañada da proposta para un novo rexidor, que tería que contar con cinco votos favorables do pleno (a maioría absoluta neste caso) Felipe Traveso continuaría na alcaldía e os presupostos presentados para o exercicio do 2017 pola formación Agrelsán quedarían aprobados de maneira automática. 

Ao remate da sesión Felipe Traveso manifestou que "agardaba que a moción non saíse aprobada" pero tiña a esperanza de que "os grupos da oposición se abstivesen". 

Traveso afirmou, por outra banda que, no caso de que non poida continuar na alcaldía de Sandiás, "seguirá traballando do mesmo xeito que o leva facendo ata o momento, sempre ao servizo dos intereses dos veciños" sexa como rexidor ou como concelleiro". Traveso considera que a actuación do seu goberno ten sido "positiva" e "se teñen mudado moito as cousas". 

Te puede interesar