Último paso para licitar a ampliación do polígono empresarial de Xinzo

a7069deb-8263-4537-ac9b-84d4de68f7a9
photo_camera O parque empresarial de Xinzo está ubicado na saída da A-52 e á entrada da vila.
A Xunta investirá 3,6 millóns na ampliación do parque industrial limiao

Nos últimos días, o Consello de Administración de Xestur deu luz verde ao proxecto de ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, un paso previo á revisión do documento por parte do Concello de Xinzo e ao inicio do periodo de licitación, algo que, previsiblemente, acontecerá nun prazo estimado de 20 días. 

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, amosou a súa ledicia por esta nova logo dunha serie de retrasos no proceso, segundo apuntou, motivados pola pandemia do covid-19. “Afecta a algún vial que é pista municipal, co cal temos que proporcionar a autorización pertinente”, precisou a rexedora socialista. “Necesitamos que a organización deses metros se faga o máis rápido posible posto que hai empresas interesadas en ubicarse no parque empresarial de Xinzo”, engadiu. 

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda precisaron que a Xunta investirá máis de 3,6 millóns de euros na urbanización da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia e tal como acordou o Consello de Administración da sociedade pública Xestur Galicia. Concretamente, a empresa pública licitará o contrato para a execución das obras de urbanización do polígono dous do parque empresarial por un importe de 3.604.826 euros e un prazo de execución de nove meses. Paralelamente, Xestur tamén licitará o contrato para a dirección das obras de urbanización, por un importe de 88.000 euros.

Logo da ampliación do parque empresarial da capital limiá, este terá unha superficie total de 118.695 metros cadrados, dos que 86.521 se corresponderán ás 23 parcelas de usos industrial e comercial nas que quedará dividida esta área empresarial.

Te puede interesar