Xinzo: o outro Entroido

Unha festa pasada por auga

Naquel ano de 1964 había unha das cheas máis grandes que recordo na vila. A auga chegaba á rúa San Roque

Ese Entroido, posiblemente  o ano 1964, había unha das cheas máis grandes que recordo na vila. A auga chegaba ata a rúa San Roque e a estrada xeral pola rúa Lepanto.

Á miña aboa Emilia, que vivía no campo da feira, tiven que levala en brazos, xa que a auga alcanzaba un metro no baixo da casa. 

As cheas naquiles tempos antes de canalizar o río eran moi frecuentes, e ata con certa violencia. A carreteira de Lamas ata chegar á ponte do rio Limia tiña árbores a ambos lados. Non había máis que dúas ou tres casas ao marxen esquerdo, ata a vivenda do Castor, que antecedía a ponte. Ao marxen dereito non había ningunha casa. O que agora é o parque non existía, e da outra parte, a praza de abastos e toda a urbanización actual tampouco. O que facía que a estrada, a partires do cruce, estivera elevada coma tres metros, e todo ao seu derredor era auga. Había varias alcantarillas polas que se podía pasar agochados dun lado para o outro en tempo de seca, pero que ese día a auga cruzaba a gran velocidade, arrastrando maleza e algunha que outra árbore. Na marxen esquerda formábase unha lagoa que cubría todo o que ata fai pouco era a praza de Abastos, así como a urbanización actual ata chegar ao campo de futbol (hoxe grupo escolar).Parte da pequena lagoa, que lle chamaban “A ladeira”,permañecía todo o ano con auga abundante. Recordo unha pequena barca que o “Ceroquince”, que tiña unha tenda na esquina en direción a Lamas, alugabaa  para dar unha volta. Algunhas veces as cheas viñan acompañadas de fortes fachos de vento que ao estar desprotexida a estrada de casas ata o río, facíase perigoso camiñar, tendo que ir correndo de árbore en árbore para protexerse.

Pois ben, ise ano ocorréuseme disfrazar de mergullador para socorrer a quen o necesitara. De maneira que fixen unha especie de escafandra. Arranxei  un esquixama marrón escuro axustado que tiña para durmir, a modo de traxe de neopreno; unhas aletas de goma que me dificultaban moito o camiñar, un recipiente de porcelán branca as costas que se utilizaba para as irrigacións, cunha goma negra de saída que, de cando en vez, metía na boca para tirar do coñac con café para paliar o frio e a molladura. Na man esquerda levaba un paraugas aberto, pero sen tea, como contraste.

Dirixínme pola estrada cara o río  por se había algunha emerxencia. Ao chegar a casa do Castor, xa preto do río a marxe ezquerda, había un camiño onde se atopaban varias persoas. Sixilosamente achégome a iles que están lamentando a perda de varios porcos que se afogaron nunha corte da que so se vía o tellado dende onde nos atopamos, para ofrecerlle os meus servizos. Ao facelo dase a volta Martín, o fillo do Aurelio o panadeiro, que era o  afectado pola desgraza. O verme non sabe se rir, chorar ou darme unha boa labazada. O final mírame fixamente e, esbozando un sorriso, dame unha palmada nas costas a modo de aprobación, que entendín perfectamente, para acabar dicindo:  Serás cabrón!!

Seguín prestando os meus servizos alí por onde pasaba, empapadiño coa que estaba caendo. Ao día seguinte, nin catarro nin nada, outra vez a troulear. No Entroido nunca pasa nada.

Te puede interesar