“Venres en feminino”, encontros dixitais para analizar a situación da muller no agro

Venres en feminino
photo_camera Venres en feminino
A primeira sesión desta iniciativa, dentro do proxecto europeo Equal Rural do que forman parte a Asociación de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, terá lugar este venres 24 de marzo e intervirán relatoras como Inés López Pereiro (Sen Sucre / Asociación A estruga) e Mercedes Veites (Lumecú)

O papel da muller no sector agrario será o tema principal dos “Venres en feminino”; unha serie de encontros dixitais que se enmarcan dentro do proxecto europeo Equal Rural do que forman parte o GDR Limia-Arnoia, a Reserva da Biosfera de Allariz, a Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal (AJAP) e a Associaçao Inovterra.

Os socios galegos serán os encargados de organizar 4 dos 24 encontros programados e con eles preténdese dar a coñecer os desafíos actuais aos que se enfrontan a mulleres do sector agrario (diferencias salariais, teitos de cristal,…) e buscar aqueles casos de éxito para mellorar a súa inclusión. Trátase duns encontros curtos, dunha hora de duración, e gratuítos.

Neles poden participar todas as persoas interesadas, especialmente a aquelas mulleres que traballan no agro ou que estudan algún ciclo ou carreira universitaria relacionada co sector. Para participar tan só é necesario escribir un correo electrónico ao seguinte enderezo: [email protected].

Estas son as datas e as temáticas dos diferentes encontros:

  • Venres, 24 de marzo (de 10:30 a 11:30 horas): Inés López Pereiro (Sen sucre / Asociación A estruga) “Obradoiro de cociña km0 / Espazo agroecolóxico”; Mercedes Veites (Lumecú) “Fortalezas/dificultades dun proxecto feminino rural”.
  • Venres, 14 de abril (de 10:30 a 11:30 horas): Isabel Vilalba Seivane (Secretaria do Sindicato Labrego Galego) “Dereitos profesionais das labregas e acceso á titularidade”; Uxía de Buciños Nóvoa (Tralaleira) “Proxecto feminino agroecolóxico”.
  • Venres, 21 de abril (de 10:30 a 11:30 horas): Mar Pérez Fra (profesora da Escola Politécnica de Lugo) “As mulleres do rural hoxe”.
  • Venres, 28 de abril (de 10:30 a 11:30 horas): Eva González Pérez (coordinadora do GDR Limia-Arnoia) “O desenvolvemento rural dende a innovación feminina”; Olga Rivas Iglesias (Fundación Robertor Rivas) “Emprendemento social en contornas rurais para xerar oportunidades que mitiguen a despoboación”; Inma Soto Iglesias (educadora ambiental) “Coñecemento e posta en valor para a conservación do territorio dende a infancia”.

Te puede interesar