Vilar de Barrio pon cara á igualdade cunha escultura

As autoridades xunto a escultura de Lois Carrera en Vilar de Barrio.
photo_camera As autoridades xunto a escultura de Lois Carrera en Vilar de Barrio.
A creación, do escultor Lois Carrera, foi inaugurada este martes no centro do municipio 

A muller galega e a loita a prol da igualdade de xénero teñen xa, en Vilar de Barrio, unha obra escultórica a modo de homenaxe. A creación, de Lois Carrera, foi inaugurada este martes no centro do municipio da man do propio rexedor, Manuel Conde; da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. 

A escultura supón o punto e final a un ano no que esta localidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, desenvolveu diversas iniciativas -obradoiros para a non discriminación por xénero ou a edición dun vídeo no que participaron diversos alcaldes da comarca da Limia e doutras próximas con motivo do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero, o pasado día 25 de novembro- dentro dun programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres que foi subvencionado polo departamento autonómico con 8.000 euros. 

Por outra banda, o Concello de Vilar de Barrio editará un calendario coa fotografía da escultura, como xa avanzara o rexedor local, Manuel Conde, e que tamén incluirá un texto extraído de Lieders, o manifesto que da nome á creación e que foi o primeiro de carácter feminista que se elaborou na historia de Galicia sendo unha nova Rosalía de Castro -tiña naquel momento 19 anos- a súa autora. 

Susana López Abella destacou na súa visita a Vilar de Barrio o importante papel que levan a cabo as mulleres na sociedade actual e sinalou que, para a Xunta, "é unha prioridade seguir impulsando, da man de todas as administracións, programas de prevención e educación en igualdade para loitar contra a violencia de xénero". 

O acto se pechou cunha actuación musical.

Te puede interesar