A LIMIA

Vilar de Santos adaptarase á nova lei de accesibilidade

O Concello limiao investirá 118.000 euros en mellorar as súas instalacións

 

O Concello de Vilar de Santos investirá unha partida de 118.000 euros en adecuar a Casa Consistorial e os inmobles anexos á nova lei de mobilidade. O proxecto leva o nome de "Mellora da accesibilidade e ampliación dos servizos de igualdade e a aula Cemit do Concello". O rexedor local, Xan Jardón, explicou que se abordará "un acondicionamento das distintas instalacións, así como unha ampliación dos servizos. Tamén instalaremos un elevador". 

O orzamento para estas melloras será achegado pola propia entidade local, a Xunta de Galicia e por Agader e, nestes momentos e ata o vindeiro día 2 de xullo, o proxecto atópase en fase de licitación. "Comezará a executarse unha vez que teñamos unha empresa adxudicataria", matizou Jardón. "Con esta actuación lograremos cumprir cos criterios de accesibilidade para todo tipo de persoas, sobre todo, para aqueles maiores que queiran vir a facer xestións á Casa do Concello, xa que é o centro de referencia. Por outra banda, adecuaremos todas as instalacións actuais", engadiu. Neste senso mellorase o ámbito dos servizos sociais e de igualdade, así como as salas de agarda. 

O alcalde de Vilar de Santos manifestou que a Casa Consistorial, tal e como está nestes momentos, reviste dificultades para as persoas maiores ou de mobilidade reducida, xa que o único xeito que teñen de acceder ao primeiro andar é mediante unha escaleira. Asimesmo, o primeiro edil do municipio  explicou que os baños do inmoble están "inaccesibles" e as portas das distintas dependencias non reunen as medidas de accesibilidade requeridas por lei. 

"Imos a reconfigurar os servizos. Os que están arriba pasarán a estar abaixo e, logo da obra, os veciños que teñan que facer algunha consulta de urbanismo, secretaría ou alcaldía, poderán empregar o ascensor. Os servizos de igualdade estarán ubicados nos locais anexos", puntualizou o alcalde. Prevese que o reformado Consistorio esté listo en novembro.

Te puede interesar