Vilar de Santos adiantouse aos 100 anos de Antón Tovar

IMG-20211017-WA0013
photo_camera Varias persoas déronse cita no Museo da Limia para participar na conmemoración.
O vindeiro día 20 conmemórase o centenario do autor nado en Rairiz de Veiga

O Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos, conmemorou, por medio das chamadas “Conversas de taberna”, o 100 aniversario do nacemento de Antón Tovar en Rairiz de Veiga. O presidente do Padroado do Museo, Delfín Caseiro; o escritor Xosé Lois García Fernández e o poeta, ensaísta e sociolingüista, Xesús Alonso Montero, interviron con diversas aportacións neste acto, ao que puxo a súa música o cantautor valdeorrés Anxo Rei, quen conta cun disco monográfico con poemas do poeta nado na localidade da Pereira. 

A iniciativa enmarcouse nunha serie de actos que se están a desenvolver en lembranza de Tovar e que inclúe unha mostra que se poderá visitar ata o vindeiro 26 de outubro. O coordinador do Museo da Limia, Antón Jardón, iniciou a homenaxe cunha serie de lembranzas feitas por diferentes persoeiros vencellados á cultura, moitos dos cales interviron na conmemoración. 

Pola súa banda, Delfín Caseiro foi o encargado de realizar unha semblanza da vida e obra do creador limiao, así como de ler un soneto de Edelmiro Vázquez adicado ao protagonista do acto. Xosé Lois García, escritor e articulista e tamén amigo e estudioso do poeta, rememorou os seus encontros co propio Tovar e compartiunos con todos os participantes que se deron cita no Museo Etnográfico da Limia. 

Finalmente, pechou o acto o profesor, escritor, académico e expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero -amigo e editor de Tovar- que se ocupou de salientar “a universalidade, calidade e actualidade” da poesía dun dos poetas intimistas “máis importantes” de Galicia.

Te puede interesar