Vilar de Santos inaugura hoxe o seu hostal rural

literas2_resultado
O aloxamento colgou o cartel de "cheo" para o fin de semana de Entroido

Vilar de Santos estreará hoxe, un dos días grandes do Entroido na provincia, o seu hostal rural, ubicado na antiga escola do municipio. O obxectivo deste proxecto, que estará xestionado pola cooperativa Xeitura durante os vindeiros tres anos, será, tal e como subliñou o responsable das instalacións, Raúl Fernández, "dinamizar e poñer en valor todos os atractivos paisaxísticos, culturais, naturais e gastronómicos da Limia e, especialmente, da Reserva da Biosfera Área de Allariz". Como homenaxe ao lugar onde se asentou, o espazo recibe o nome de "A escola" e a súa estética está inspirada no mundo rural e natural. 

O novo hostal de Vilar de Santos conta con seis habitacións e nelas poden entrar ata un total de 28 persoas. Neste senso, Raúl Fernández -que tamén é ambientólogo- explicou que "hai aloxamento para grupos de oito, seis ou catro persoas pero tamén habitacións privadas para parellas ou persoas que viaxan en solitario, dixo.

O hostal "A escola" conta tamén con varias zonas comúns como un salón, unha zona de xogos, comedor, cociña, xardín, taller para bicis e ata rocódromo. Ademais, dende o espazo propoñeranse diferentes roteiros pola Lagoa de Antela e polo corazón da reserva da biosfera de Allariz. 

"Trátase de actividades que encaixan perfectamente co proxecto que sempre defendemos para Vilar de Santos, un concello que acolle e apoia á mocidade e a súa iniciativa emprendedora. A Escola é para o noso grupo de goberno outra aposta das moitas que temos impulsado cara un modelo de desenvolvemento propio, que poña en valor os nosos recursos con proxectos innovadores e singulares", manifestou onte o rexedor de Vilar de Santos, Xan Xosé Jardón.

Te puede interesar