FORMACIÓN

Vilar de Santos pon en marcha talleres para “preadolescentes"

vilar2_result
photo_camera Imaxe dun dos obradoiros que se están a desenvolver no municipio limiao.

O rexedor local, Xan Jardón, asegura que é o colectivo ao que menos atención se lle presta no rural

Co obxectivo de dinamizar un sector da poboación rural enmarcado na "preadolescencia" ou de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, o Concello de Vilar de Santos vén de poñer en marcha novos obradoiros coa colaboración dun animador sociocultural, que comezou a traballar no municipio durante o pasado mes de decembro.

Son varias as actividades que o técnico está a desenvolver no lugar, entre elas, as dirixidas á poboación máis envellecida. Sen embargo e tal e como explica o rexedor local, Xan Jardón, había unha "eiva" nos programas adicados aos máis novos. "É unha franxa de idade da que, ás veces, nos esquecemos un pouco. Trátase desa mocidade que empeza aos 12 anos, e que se atopa nunha marxe indefinida: non son nin mozos nin nenos, son preadolescentes. Agora xa non hai unhas marxes tan concretas", explica o alcalde de Vilar de Santos. "Contratamos un animador sociocultural con cargo a unha convocatoria emitida pola Xunta e que comezou a traballar con nós a finais de decembro. Xa se encargou dalgunha tarefa das que abarcaba o programa de Nadal. É unha persoa titulada e xoven que se fará cargo, durante os vindeiros nove meses, daquelas actividades de dinamización que temos posto en marcha, algunhas delas, por exemplo, as incluidas no programa de Envellecemento Activo de persoas maiores, nas que traballará cos profesionais do Centro de Día e de fisioterapia, para sacar adiante actividades como andainas e excursións", engade.

Pero a "misión fundamental" deste animador será preocuparse dos mozos e mozas do concello. Para esta finalidade, celebráronse unha serie de reunións previas nas que os xóvenes escolleron as actividades que queren desenvolver. "Estanse realizando no salón multiusos do Concello e noutros lugares municipais. Van dende manualidades ata videoxogos", matiza Jardón." Queremos poñelas nun ámbito transversal do Concello, de maneira que se impliquen outros servizos que temos, como o da nosa aula Cemit ou o de atención aos maiores", engade.

Ao longo desta semana comezarán novos obradoiros en Vilar de Santos que versarán sobre cuestións de robótica e de novas tecnoloxías. 

Ampla oferta para os maiores do concello

Durante este mes de febreiro o Concello limiao puxo en marcha unha nova edición do seu programa de Envellecemento activo, que se engloba dentro do Plan de Igualdade e Benestar impulsado dende a propia entidade local. Trátase dunha serie de actividades abertas á participación veciñal e co obxectivo de dinamizar a sociedade. Concretamente, as dirixidas aos maiores desenvólvense no Salón Multiusos os luns, martes e xoves. O Centro de Día tamén conta cun proxecto específico denominado "Saber envellecer: corpo san en mente sá". Neste apartado, lévanse a cabo obradoiros de ximnasia biosaudable, andainas, memoria en movemento, bailoterapia, relaxación, xerontoximnasia, xogos cooperativos ou psicomotricidade, coa finalidade da prevención da dependencia, o fomento da autonomía persoal e o mantemento da saúde. Están impartidos polo equipo multidisciplinar do centro entre os que se atopa unha psicóloga, unha traballadora social, unha enfermeira, unha fisioterapeuta e unha xerocultora. Completa o programa o obradoiro de Ximnasia Activa, que se celebra todos os martes e xoves. Ás actividades de dinamización promovidas polo Concello hai que sumarlle as da Arca da Noe, que acaba de poñer en marcha novos cursos de pandeireta. 
 

Te puede interesar