HOMENAXE

Vilar de Santos reivindicou a memoria histórica de Galicia

27.11.16.VILAR DE SANTOS.PARADA DA RESTAURACION DA MEMORIA LINGUISTICA.
photo_camera O alcalde, Xan Jardón, e o crego Miguel Fernández, descobren a placa no cemiterio de Parada.

Baixo o lema "En galego, agora e sempre", descubriuse unha placa no cemiterio de Parada

O cemiterio de Parada –no municipio de Vilar de Santos– converteuse onte no centro neurálxico da reivindicación da memoria lingüística no país.  Nun acto organizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e apoiado polo Concello de Vilar de Santos, máis de medio cento de persoas se reuniron en torno ás lápidas para reivindicaren unha dupla homenaxe. En palabras do rexedor "galeguista" de Vilar de Santos, Xan Jardón, tratábase dun "recoñecemento aos nosos devanceiros e ás súa memoria cultural e lingüística". Mais tamén se trataba, ao cabo, dunha homenaxe á lingua propia, a cal "temos a obriga de conservar, protexer e transmitir ás xeracións futuras".

Ao igual que noutras ocasións se fixera en concellos coma Marín ou Vilagarcía, e baixo o lema "En galego, agora e sempre", o promotor da iniciativa, Xosé González, tomou a palabra para transmitir aos presentes os obxectivos da campaña, así como para poñer de manifesto a "dicotomía" de que "as persoas que falan e pensan en galego en vida" rematen logo enterradas baixo "lápidas en castelán". 

"Foi un acto moi emotivo" afirmaba o rexedor após o remate do evento no que se descubriu unha inscrición co texto "Na memoria de todos os que aquí xacen, porque gracias a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu".  Ao remate do acto distribuíronse entre os presentes unhas "actas de vontades" mediante as cales deixaban rexistrada a súa intención de que se realizaren os actos do seu pasamento "en galego". Tamén se recoñeceu a labor de normalización desenvolvida polo crego Miguel Fernández.

Te puede interesar