MEJORAS

Vilar de Santos renova o alumeado do seu polígono

<p></p>
photo_camera O parque empresarial de Vilar de Santos ocupa 225.000 metros cadrados e ten un centenar de empresas.

O cambio custou 49.000 euros e permitirá reducir o consumo un 68 por cento

O parque empresarial de Santa Mariña, en Vilar de Santos, estreou un novo sistema de iluminación logo de que o Concello, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, executara un plan de mellora da eficiencia enerxética na iluminación deste recinto. O polígono industrial de Vilar de Santos ocupa, na actualidade, 225.000 metros cadrados de superficie e acolle a 23 empresas que, de xeito directo, dan emprego a máis dun centenar de persoas.

A actuación consistiu na substitución de 76 luminarias de vapor de sodio de alta presión, por lámpadas con tecnoloxía LED regulable. Por outra banda, tamén se modificou e mellorou o centro de mando e control, algo que vai a permitir reducir nun 68 por cento o consumo enerxético e en máis dun 50 por cento a potencia. Este feito supón, ademais, unha redución das emisións de dióxido de carbono en 14.000 quilogramos ao ano, e un aforro económico directo, segundo prezos de mercado, dun 34 por cento.

Para chegar ata aquí o Concello de Vilar de Santos elaborou, en novembro do pasado exercicio 2016, un estudo denominado Sustentabilidade Ambiental da Iluminación Pública Municipal, un instrumento de planificación, xestión e seguimento destinado a ordenar, de xeito integral, os esforzos a realizar en materia de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público. O obxectivo deste estudo foi coñecer o xeito de explotación, funcionamento e prestacións das instalacións, o estado dos seus compoñentes, consumos enerxéticos e custos, para mellorar a eficiencia e o aforro enerxético e reducir o consumo e o gasto económico.

O importe total da obra ascendeu a 49.420 euros, financiados polo concello limiao e pola Consellería de Economía. 

Te puede interesar