A LIMIA

Vilar de Santos terá 285.000 euros extra para gastos

O Goberno local vén de pechar o exercicio de 2018 cun resultado positivo de 73.000 euros

O goberno municipal de Vilar de Santos acaba de pechar a liquidación do orzamento consignado para o 2018 cun resultado positivo de 72.953 euros, o que supón un incremento do 35 por cento con respecto ao ano anterior. O rexedor local, Xan Jardón, asegurou que este dato se traduce en que "o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos" e que, do mesmo xeito, "expresa a solvencia e capacidade económica que temos para afrontar os pagos e compromisos financieiros". 

Por outra banda, desta liquidación tamén se extrae un remanente de tesourería para gastos xerais de 284.563 euros, esto é un 3,37 por cento máis se se compara co do ano 2017. Esta cantidade adicarase a reforzar e financiar maior volume de gasto para inversión produtiva e proxectos xa definidos en varias áreas de actuación relativas á dinamización da actividade económica e o emprego. Tamén para apostar polos servizos sociais municipais e para continuar coa mellora das infraestruturas e equipamentos públicos do Concello . Nesta liña, o remanente de tesourería incrementouse no municipio de Vilar de Santos en máis do 10 por cento dende o 2015.

O alcalde, Xan Jardón, asegurou que a débeda pública do Concello é cero, do mesmo xeito que a que se ten cos proveedores. "Tamén cumprimos cos principios de eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financieira", matizou Jardón. "As contas da liquidación do orzamento son indicativas da boa xestión realizada polo goberno municipal dos aspectos económico, financieiro, patrimonial e orzamentario e da garantía e liquidez do Concello, e poñen de manifesto a nosa capacidade e solvencia que se incrementou nestes anos", engadiu.

Te puede interesar