Representantes da cooperativa agraria Coopbarroso achegáronse ata Xinzo para comprobar o estado das plantacións experimentais da pataca de semente lusa.
No pasado mes de marzo, o Inorde, a Cámara Municipal de Montalegre e a cooperativa Coopabarroso comprometéronse a colaborar na produción, mellora e comportamento da pataca de semente producida en terras Barrosás. Para isto, unha partida de Agria de semente certificada en Portugal foi sementada tanto nos campos que o Inorde mantén na finca Antela, como por agricultores colaboradores do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro.
Concretamente, varios membros da cooperativa e o seu presidente, Manuel Nuno Pereira de Sousa, visitaron o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde co obxetivo de comprobar en campo os avances realizados no eido da cooperación transfronteiriza relativos á pataca de semente. Alí analizaron a adaptación do cultivo, as sinerxías e as posibilidades de desenvolvemento transfronteirizo que amosa o mesmo, así como o comercio de pataca de semente na zona transfronteiriza da Limia.
Ámbalas dúas partes quedaron emprazadas en colleitar a plantación para testar en campo os resultados produtivos da experiencia, e, se cabe, facela extensible en anos sucesivos ao maior número de agricultores posible que estean interesados nesta alternativa.