O Viso impulsa unha xornada contra o despoboamento

Alí proxectaranse dúas curtas: Por unha banda, “Retratos do silencio”, de Miriam Opazo e, pola outra, “Eu fico”, impulsada por diversos colectivos, empresas e persoas da comarca. 

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, organiza esta tarde unha xornada contra o despoboamento baixo o lema “Por un rural habitado e habitable”. 

O acto celebrarase hoxe martes, ás 20,30 horas da tarde, no salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo. Alí proxectaranse dúas curtas: Por unha banda, “Retratos do silencio”, de Miriam Opazo -esta moza limiá, graduada recentemente en Belas Artes, recibiu o premio Xuventude Crea 2022, organizado pola Xunta de Galicia, por esta peza audiovisual- e, pola outra, “Eu fico”, impulsada por diversos colectivos, empresas e persoas da comarca -participaron, entre outros, A Arca da Noe de Vilar de Santos, Carabuñas ou Carpintería Fandinga-. 

“Retratos do silencio”, unha curta documental de 10 minutos de duración, poderase ver por primeira vez en Xinzo. Pola súa banda, “Eu fico na Limia” realizouse logo da pandemia para reivindicar que son moitas as persoas que son felices vivindo e traballando no rural limiao, onde tamén hai oportunidades. 

Os organizadores, que tamén contan nesta iniciativa coa colaboración do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2023 y la Confederación de Centros de Desarrollo Rural,  homenaxearán aos impulsores destas dúas iniciativas pola importancia das mesmas  á hora de visibilizar a realidade dos municipios e vilas máis pequenas como son as do interior da provincia de Ourense.

Te puede interesar