O Viso promove a campaña “Entre iguais” nos colexios do rural

undefined
photo_camera Unha cativa realiza unha actividade na súa xornada lectiva.
Ao longo de distintas sesións, os promotores estudarán, xunto aos cativos, a orixe da conmemoración do 8M, e promoverán a realización de diferentes dinámicas sobre a igualdade, os roles de xénero e as desigualdades que estes roles xeran.

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso  sumarase aos actos, programas e actividades na Comarca da Limia por mor da celebración, o vindeiro 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Neste senso, a entidade social limiá levará unha iniciativa aos centros escolares rurais da zona para potenciar, baixo o título “Entre iguais”, a igualdade real entre homes e mulleres dende a infancia. 

A proposta comezará o vindeiro luns, día 7 de marzo, co alumnado dos colexios de Rairiz de Veiga e Sandiás; continuando, nos próximos días, co CEIP de Os Blancos, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar. 

Ao longo de distintas sesións, os promotores estudarán, xunto aos cativos, a orixe da conmemoración do 8M, e promoverán a realización de diferentes dinámicas sobre a igualdade, os roles de xénero e as desigualdades que estes roles xeran.

Dende o CDR subliñaron que o obxectivo desta campaña non será outro que o de “concienciar, reflexionar e debater co alumnado de primaria do rural limiá sobre a necesidade de relacionarse desde o respeto e recoñecemento mutuo para que as experiencias vitais non estean marcadas pola imposición de roles que diten o que as persoas deben facer en función do seu sexo”. Do mesmo xeito, a entidade social limiá ve como “unha necesidade” o feito de “apreciar as diferenzas como riquezas das que aprender para construír o camiño da igualdade”.

Estas actividades estarán financiadas pola Secretaría Xeral da Igualdade mediante as subvencións destinadas á realización de programas de carácter social. Neste caso, dirixido á promoción da igualdade entre mulleres e homes e á prevención e loita contra a violencia de xénero -o financiamento é con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas-.

Te puede interesar