La Región

O Viso promove a recuperación de sementes autóctonas limiás

O centro de desenvolvemento puxo en marcha unha horta onde cultiva millo, fabas, cebolas ou verzas
foto_horta_i_resultado
foto_horta_i_resultado
O Viso promove a recuperación de sementes autóctonas limiás

Promotores e traballadores do Centro de Desenvolvemento Rural -CDR- O Viso, de Lodoselo, continúan adiante co seu proxecto de investigación para a recuperación, recolección e almacenaxe de sementes de variedades autóctonas da Limia. Unha das actividades enmarcadas neste programa é o cultivo da horta ubicada nos terreos do Centro de Inclusión do CDR, en Lodoselo. O obxectivo é obter sementes dalgunhas variedades da zona tales como millo, garabullos, garbanzos, fabas, cabazas, cebolas, verzas ou nabos. 

O coidado e traballo nesta horta realízase polos membros do CDR e participan algúns dos usuarios dos programas que, precisamente, se promoven dende esta entidade. Neste senso, os nenos de Concilia no verán ou da casa niño poden coñecer de primeira man e dende ben pequenos, o traballo do campo, como así o fan os maiores do centro de día -servizo co que tamén conta o CDR-. 

"Sempre se fixo o de intercambiar sementes entre un pobo e outro", afirma antonio rodríguez

Este ano, como novidade, dende a entidade estanse facendo enriquecedoras visitas a hortas de distintos pobos do entorno que son cultivadas polas mulleres que participan das actividades do centro. Nesta liña, dende o CDR puntualizaron que "as que manteñen vivo o costume de cultivar para a casa, gardar e intercambiar sementes son, básicamente, mulleres, aínda que os homes tamén botan unha man". 

"No noso concepto de educación entra o feito de relacionarse co medio. O de coidar as nosas sementes levámolo facendo dende sempre. Recollémolas dun ano para o outro e decímoslle aos nosos usuarios que o fagan ", explicou Antonio Rodríguez Corbal, promotor do CDR O Viso. "O que si que estamos facendo este ano por primeira vez é visitar o resto de hortas da xente do entorno para que nos conten como traballan. Penso que é así como realmente se pode aprender sobre as costumes e peculiaridades de cada lugar", engade.  

Pese a que é o segundo ano no que o Centro O Viso se involucra nesta actividade de cheo, a entidade rural sempre contou con horta, invernadoiro e outros espazos naturais. "No colexio fixemos un banco de sementes onde participaron moitos cativos", recorda Antonio. "Sempre se fixo o de intercambiar sementes entre un pobo e o outro. É unha costume moi antiga", engade.


Posibilidade de cultivos alternativos


Nas visitas realizadas polos membros do CDR O Viso ás hortas da comarca limiá, atopáronse, segundo enumeraron, "todo tipo de cultivos de horta, moitas plantas aromáticas e infinidade de flores de todas as cores". Tamén descubriron o afán de todas estas mulleres "non só por conservar, senon por innovar e introducir novos cultivos para ampliar a variedade de alimentos que usan nas súas cociñas. Vemos como colaboran entre elas compartindo os froitos dos seus cultivos, intercambiando sementes e coñecementos".

Para o Centro de Desenvolvemento Rural é importante que esta forma de traballar e sabedoría da comarca "siga pasando de xeración en xeración e non se perda". Antonio Rodríguez asegurou que, moita desta xente "nos da a sobreproducción que teñen para a vivenda e o comedor, pero o que se fai despois é intercambiar as sementes con eles". Dende o CDR levan a cabo obradoiros de cociña no que rematan empregando todos estes productos cultivados por eles mesmos. "Estamos preparando outros diferentes para que os usuarios aprendan a facer cenas cos productos saudables da horta", adiantou Antonio Rodríguez. O proxecto está subvencionado polo Ministerio de Agricultura.