A vivenda comunitaria de Cima de Ribeira acolle a 12 maiores

img_5232_result
photo_camera A conselleira, a delegada territorial e o alcalde charlan con dúas usuarias da vivenda comunitaria.

A instalación inaugurouse en decembro pasado e supuxo un investimento de 160.000 euros

A vivenda comunitaria San Gabriel, ubicada na parroquia limiá de Cima de Ribeira, abriu as súas portas en decembro do pasado ano  2016 co obxectivo de prestar atención a unha docena de maiores da contorna. Gabriel Rúa, o promotor do proxecto e natural de Lodoselo, no concello de Sarreaus, solicitou as axudas da Consellería do Medio Rural para a ampliación e modernización de pequenas empresas non agrarias , para a adecuación e posta en funcionamento deste inmoble no que traballan, na actualidade, catro auxiliares de enfermería e un educador social. "Os traballadores son de pobos da comarca, do mesmo xeito que os usuarios do servizo, que tamén pernoctan na vivenda comunitaria", sinalou o responsable do centro. "Facemos, cos nosos usuarios, traballos de mobilidade, talleres de memoria, excursións e moitos xogos", engadiu. 

O investimento total para a adecuación do espazo ascendeu a 160.000 euros, cantidade da que a administración autonómica aportou preto de 71.000 euros. Esta iniciativa foi aprobada pola Consellería de Medio Rural, xunto con outros catro proxectos para Xinzo de Limia. As axudas para empresas non agrarias no rural están cofinanciadas con fondos europeos, da administración central e da Xunta de Galicia. Neste senso e, segundo sinalan dende Medio Rural, estas axudas facilitarán a creación de ata 62 novos empregos e o mantemento de outros 715 postos de traballo. Será posible grazas a un investimento total que, na convocatoria de 2017, superará os oito millóns de euros, cunha subvención pública de 2,9 millóns. 

Estes datos foron destacados pola conselleira Ángeles Vázquez na  súa visita este venres á vivenda comunitaria San Gabriel, nesta parroquia da Limia. 

A conselleira estivo acompañada polo alcalde de Xinzo, Antonio Pérez e outros representantes institucionais. 

Outras catro iniciativas en Xinzo de Limia

Esta iniciativa é unha das cinco aprobadas no municipio de Xinzo de Limia que permitiron a posta en marcha desta residencia así como dunha escola infantil, a ampliación dun local para asesoría, a creación dun centro de actividades deportivas e a modernización dunha empresa de servizos sanitarios. Todos estes proxectos supuxeron un investimento total de 328.000 euros e recibiron axuda por importe de 148.000, segundo sinalan dende Medio Rural. Ángeles Vázquez explicou que o obxectivo é dinamizar a actividade no eido rural, fomentando a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade, tanto en termos sociais como en termos económicos. Por este motivo, apoiase a adquisición de maquinaria e equipamento para iniciativas que non sexan do sector primario. 

Te puede interesar