ELECCIONES MUNICIPALES

Xan Xosé Xardón: "A xente de Vilar de Santos ten un nivel de esixencia moi alto"

20190522220043973_result
photo_camera O rexedor en funcións de Vilar de Santos, Xan Xosé Jardón.

Xan Xosé Jardón Pedras foi o rexedor máis votado da provincia de Ourense nas últimas eleccións municipais e goberna sen oposición dende hai dous mandatos.

 Recíbenos no renovado Concello de Vilar de Santos, lugar que amosa con orgullo e ilusión: "Era unha obra necesaria, sobre todo, pola accesibilidade. Penso que a xente está encantada", manifesta o candidato á alcaldía por Xuntos. Precisamente, é no hall da Casa Consistorial onde se exhibe a única placa conmemorativa do municipio. Non está firmada por ningún cargo político dos actuais, nin tampouco dos de hai unhas décadas: "Os veciños de Vilar de Santos inauguraron este Concello en 1989". Esa é, quizais, a fórmula de Jardón -un dos poucos rexedores do rural da comarca, que vive no rural-: gobernar para os veciños, sendo un veciño mais. 

En que ten mudado Vilar de Santos nestes catro anos?

En servizos sociais somos punteiros: mellorouse a atención á dependencia e incrementouse o servizo de teleasistencia. Estamos atendendo a 24 persoas nos seus domicilios. No ano 2015 tiñamos tres auxiliares contratadas e agora contamos con seis. O centro de día ten máis prazas e a Vivenda Comunitaria está totalmente ocupada. No que atinxe á atención á infancia, na nosa Escola Infantil temos 15 nenos e nenas. Tivemos que botar man da lista de contratación para contar con outra profesional para atender aos bebés. Na dinamización económica continuamos crecendo e, na actualidade, temos un grupo vasco no poligono que se asentou aquí e que é unha fonte importante de emprego. Ao final deste mandato executamos case un millón de euros en infraestruturas rurais e no apartado cultural somos un referente co Museo da Limia. 

Quedoulle algo no tinteiro durante este mandato, ou algo co que non estea satisfeito? 

Ten que ver coa Área de Rehabilitación Integral, gustariame ter avanzado máis. Por outra banda, a prol da oferta lúdica e deportiva para á mocidade de entre 28 e 30 anos non fixemos todo o que poderíamos ter feito, e traballaremos niso no futuro. 

Cales son os eixos fundamentais do seu programa? 

A transparencia, a participación veciñal e o compromiso cunha xestión eficiente do diñeiro público. Seguimos sendo o Concello máis pequeniño, a nivel xeográfico, da comarca, e somos o segundo en orzamento. Acabamos de pechar a liquidación do 2018, con 280.000 euros de remanente. Queremos seguir mellorando os servizos sociais e de benestar. Tamén redactaremos un novo plan de igualdade e acometeremos unha inversión fundamental para acondicionar un fogar residencial.Abarataremos os impostos para o asentamento de empresas, non creo nas subvencións finalistas. 

Espera revalidar a súa maioría única? 

Nós estamos levando unha campaña ilusionante e con normalidade democrática, independentemente do que fagan outras candidaturas. Son respetuoso e non teño criticado ás outras opcións. O noso mensaxe é que nesta candidatura collen todos os veciños e veciñas. 

Vilar de Santos é especial, referente en moitos aspectos, e o punto máis discordante a nivel político na comarca, ¿que cre vostede que provoca isto?

A xente aquí ten un nivel de esixencia moi alto. Sempre digo que o que máis valoro son os meus veciños e veciñas, que teñen un gran sentimento de orgullo por ser de aquí.

Te puede interesar