MEMORIA HISTÓRICA

Xinzo acolle mañá a preestrea dun filme sobre Camilo de Dios

Trátase documental interactivo que expón a vida de Camilo de Dios, o último guerrilleiro que queda vivo en Galicia.

Mañá sábado, día 22, a Casa de Cultura de Xinzo de Limia acollerá a preestrea do filme "Camilo: o último guerrilleiro de Galicia". Trátase documental interactivo que expón a vida de Camilo de Dios, o último guerrilleiro que queda vivo en Galicia. A través da súa historia e da súa voz os autores pretenden "recuperar a memoria histórica da guerrilla antifranquista". Xa vai máis dun ano dende que un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña comezaron a traballar neste proxecto, que ademáis constitúe o seu Traballo de Fin de Grao.


O pasado 20 de agosto o equipo deu por finalizada a rodaxe do filme no concello limián de Sandiás, de onde é orixinario Camilo de Dios. Fixérono coa recollida das imaxes do acto de irmanamento entre Sandiás e Crespos (Ávila), concello este último onde a Garda Civil matou ao irmán de Camilo, Perfecto de Dios, con só 19 anos. 
O filme é unha viaxe polas lembranzas do protagonista, dende a súa integración na guerrilla antifranquista da Limia –con tan só 15 anos– até o seu encarceramento pola actividade guerrilleira ou a recuperación dos restos de seu irmán, que foron entregados nun acto en Xinzo, o pasado ano 2014. 


Juan Pirola, un dos autores, afirma que, aqueles que non coñezan a figura de Camilo, van atopar no documental "a esperanza nos sentimentos do ser humano a través da figura dunha persoa altruista e humilde". 


Nun primeiro momento, o equipo de produción intentou que fóra o concello de Sandiás –e vila natal de Camilo– o escenario da preestrea. "Malia que o concello nos prestou todas as facilidades, finalmente decidimos que fose Xinzo por unha cuestión de espazo". 


A estrea oficial, logo deste primeiro pase que terá lugar nas terras da Limia, está programada para o vindeiro dia 27 de outubro no CEIP Eusebio da Guarda da Coruña. A partires dese momento, o equipo prevé realizar un calendario de proxeccións por diversos puntos de Galicia. "Nos últimos meses chegáronnos unha gran cantidade de peticións para o proxectar o documental e non sei ata que punto poderemos atender a todas", comenta Juan Pirola.


O documental, de carácter interactivo e con contidos extra , tamén estará dispoñible proximamente na web.n

Te puede interesar