A LIMIA

Xinzo avogou por recuperar a parte máis tradicional das festas locais

Os xigantes e cabezudos que volveron ás rúas da vila quedarán expostos no Museo Galego do Entroido

As festas patronais de Santa Mariña remataron en Xinzo cunha importante afluencia de visitantes e sen incidentes destacables segundo a Policía Local. O concelleiro de Cultura e Festexos, Ramiro Rodríguez, fixo onte balance dos catro días de troula e congratulouse da recuperación do paseo de xigantes e cabezudos, unha tradición esquecida en Xinzo e que sorprendeu a algúns dos viandantes. 

"Recuperalos foi, básicamente, o que puidemos facer porque o resto da programación estaba xa comprometida pola anterior Corporación", explicou o edil nacionalista. "As figuras estaban rehabilitadas e gardadas na Casa da Cultura. A idea é deixalos no Museo do Entroido para que estén alí como exposición permantente e que a xente poida miralos", engadiu. 

O concelleiro e a Policía Local coincidiron na grande afluencia de visitantes e veciños, principalmente, con motivo do Festival Internacional de Gaitas. Este evento celebrouse o pasado sábado, día no que máis de medio millar de persoas ateigaron a praza Carlos Casares. "De cara ao ano que vén cambiaremos o xeito de organizar as festas. Non se convocou unha comisión veciñal porque o programa estaba xa feito, pero esto cambiará de cara ao 2020", dixo o edil. "Na vindeira edición tamén trataremos de combinar tradición con todo tipo de actos".

Te puede interesar