Política

Xinzo destinará 1,2 millóns a demoler a presa de Gudín

Minuto de silencio polas víctimas da covid-19, onte no Concello de Xinzo.
photo_camera Minuto de silencio polas víctimas da covid-19, onte no Concello de Xinzo. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL)
Na sesión plenaria tamén se aprobaron os orzamentos do 2020 que ascenden a 8 millóns de euros

O Concello de Xinzo aprobou, no seu primeiro pleno despois do levantamento do estado de alarma, un investimento de 1.550.000 euros para a demolición da presa de Gudín e unha primeira intervención de restauración no Mosteiro de Trandeiras, gracias a dous convenios coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A demolición da presa, coa que o goberno local espera devolver ao Limia parte do seu caudal natural, producirase dous anos despois de que a Confederación Hidrográfica a ordenase, cando declarou extinguida a concesión, que data do ano 1992. A concesión foi abandonada no 2013, dado que desde ese ano Xinzo conta con outros sistemas de abastecemento de auga potable.

A demolición terá un custo estimado de 1,2 millóns de euros e o goberno local afirma que é un primeiro paso para unha intervención ampla nos seus paseos fluviais.

En canto á intervención no mosteiro de Trandeiras, terá un custo de 350.000 euros e consistirá na consolidación do seu sistema de abastecemento que está moi deteriorado.t

O pleno tamén aprobou o orzamento para este ano, que ascende a 8 millóns de euros, dos que case 300.000 dedicaranse a investimentos, o que eleva a 1.850.000 euros os aprobados nesta sesión. O orzamento recibiu os votos favorables do Goberno (PSOE, AXIL, XA e BNG) e de Cidadáns. O PP votou en contra.

O Concello reducirá o gasto no actual exercicio en 670.783 euros

Nesta sesión plenaria de onte aprobouse tamén un plan económico-financeiro de redución do 5% do gasto neste exercicio (2020) e o seguinte (2021), un límite do que en ningún caso se poderá exceder, salvo que o Goberno de España acorde flexibilizar a Lei de Estabilidade Orzamentaria.

Esta circunstancia tradúcese nas contas deste ano nunha diminución do gasto en 670.783 euros con respecto ao orzamento de 2018, pese a rexistrarse un incremento nos ingresos de máis de 123.000 euros.

O Goberno local anunciou que se aprobarán modificacións orzamentarias para a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables, así como para a habilitación de axudas a autónomos e pemes, que serán as dúas prioridades do goberno local para o que resta de ano. "Trataremos de dar cobertura ás súas necesidades e demandas mediante a modificación de varias ordenanzas fiscais", sinala a alcaldesa Elvira Lama.

Te puede interesar