Xinzo nomeará fillo adoptivo a Ángel Cocho

A Concelleria de Cultura do Concello de Xinzo levara o plenario do vindeiro xoves o expediente de honra para nomear a Ángel Cocho Ferrero, fillo adoptivo da vila de Xinzo e poñerlle o seu nome, despois da recente reforma de ampliación do aforo e do escenario, ó Auditorio Municipal.
Durante preto dun cuarto de século (desde comezos dos anos 50 ata mediados os 70), toda a comarca da Limia e outras veciñas e non tan veciñas tiveron o Colexio Santa Marina, en Xinzo, como o seu principal referente educativo e cultural. Polas súas aulas pasaron centos e centos de alumnos que puideron así acceder aos estudos de bacharelato, algo ata daquela reservado para as familias que podían pagar un internado en Ourense ou en Vigo.

'A alma e moito máis do Colexio Santa Marina foi o seu director, Ángel Cocho Ferrero, pai do escritor e xornalista limiau Federico Cocho de Juan, que chegou a Xinzo en 1953, procedente de Malagón (Ciudad Real), onde xa dirixira outra academia de bacharelato privada', sinala o concelleiro de Cultura, Carlos Gómez.

Ángel Cocho, fillo dun arquitecto e bibliotecario de Benavente, nacera na Coruña en 1914. En 1934 o seu pai vai destinado á Facultade de Filosofía y Letras de Madrid e Ángel Cocho comeza neste mesmo centro a súa carreira universitaria, interrompida dous anos despois pola guerra civil. Integrado no exército republicano –onde alcanzou o grao de tenente– estivo en Madrid durante todo o conflito. Ao seu remate e logo dos anos duros da represión, que para el supuxeron dous consellos de guerra, cadea, traballos forzosos e moito sufrimento, teimou en rematar a súa carreira, cousa que tardou en conseguir precisamente por mor dos seus “antecedentes”.

Desde moi xoven militou no Partido Galeguista e aparece como secretario xeral das Mocedades Galeguistas da Coruña. Esta inquedanza pola defensa do galego tivérala ata a súa morte.

Na memoria de varias xeracións de limiaos permanece a impronta de altura espiritual e cultural que el sempre lle quixo transmitir aos seus alumnos.
Con este expediente de honra a Concellería de Cultura do Concello de Xinzo prentende honrar a esta insigne figura que protagonizou a vida educativa e cultural de Xinzo durante mais de 30 anos, e tamén a toda unha xeración que se formaron humana e culturalmente no colexio Santa Mariña.n

Te puede interesar