A LIMIA

Xinzo pecha o ano de Casares cunha mostra sobre o escritor

<p></p>
photo_camera Unha das actividades foi o emprezamento de letreiros nas rúas de Xinzo con obras alusivas a Casares.

O día 29 de decembro inaugurará unha gran exposición sobre o autor que terá carácter permanente

Xinzo poñerá o broche de ouro ao Ano Carlos Casares coa inauguración na vila, o vindeiro 29 de decembro, da mostra permanente sobre o autor. Promovida pola Fundación Carlos Casares e polo propio Concello de Xinzo, "Os Mundos de Carlos Casares" estará emprazada na planta baixa do Museo Galego do Entroido, na rúa Dous de Maio, e albergará documentos inéditos, fotografías e pertenzas do escritor limiao como cámaras fotográficas, libros , roupa ou plumas.

"O ideal sería que, nun futuro, ese museo teña o seu propio edificio para que non estea a compartir espazo coa mostra sobre o Entroido", sinalou Carlos Gómez, edil de Cultura e Promoción Económica de Xinzo. "Teremos que adquirir ou construír un edificio significativo, aínda que as preferencias do Concello pasan por mercar e rehabilitar un inmoble", engadiu.

Un dos fondos máis interesantes cos que contará a mostra, será a maqueta dun tren eléctrico, propiedade de Casares e que, durante estas semanas, estase restaurando.

Por outra banda, este venres día 22 de decembro, terá lugar a gala de clausura do Ano Carlos Casares no Auditorio Ángel Cocho de Xinzo. O evento, que comezará ás 20,00 horas, estará presidido polo presidente do Parlamento de Galicia Miguel A. Santalices e polo alcalde de Xinzo, Antonio Pérez. No acto tamén estarán presentes Víctor Freixanes, presidente da Real Academia das Letras, Valentín García Gómez, director xeral de Política Lingüística e Xavier e Jokan Casares, presidente e secretario, respectivamente, da Fundación Carlos Casares.

Deste xeito, poñerase fin a un ano repleto de actividades en Xinzo. "A vila estivo á altura da conmemoración da figura de Casares", manifestou Carlos Gómez."A organización do 16 de maio marcou un antes e un despois", engadiu. 

Te puede interesar