SAÚDE

Xinzo pide estudar a “especial incidencia" do cancro na Limia

img_20170531_110459_result
photo_camera Os edís da corporación municipal de Xinzo ao inicio da sesión plenaria.

A corporación aprobou incluir un encabezado conmemorativo de Casares nos documentos oficiais

A corporación municipal de Xinzo aprobou, de xeito unánime, instar á Xunta de Galicia a que realice un estudo sobre a incidencia do cancro na comarca da Limia. Foi no pleno ordinario celebrado onte no renovado salón de plenos do Consistorio e en resposta á moción presentada pola agrupación Xinzo Adiante durante o pasado mes de abril. No documento sinálase a "especial incidencia" que ten a enfermidade "na Limia en xeral e no concello en particular" e, nesta liña, o portavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, explicou que a da Limia "é unha das comarcas de Galicia onde máis xente morre a causa do cancro". "Pedimos que a Consellería de Sanidade estude os motivos que provocan tantos falecementos por esta enfermidade co obxectivo de previla", engadiu o edil. A portavoz socialista, Elvira Lama, apoiou a moción reclamando "máis investigación e prevención" sobre un tema "que preocupa moito á cidadanía". 

Na sesión tamén se abordou a aprobación definitiva da Ordenanza xeral de subvencións do Concello. A proposta do grupo de goberno, que foi levada ao último pleno ordinario, quedou para ser debatida na sesión de onte despois de que o edil do Bloque Nacionalista Galego, Ramiro Rodríguez, presentase unha serie de enmendas co obxectivo de facer o procedemento legal para subvencións "máis transparente". 

Neste sentido o nacionalista propuxo unha serie de modificacións, entre elas, que a potestade de otorgar as axudas fose competencia da xunta de goberno e non exclusiva do alcalde ou que non se poidesen subcontratar as subvencións. Finalmente o punto foi aprobado coas abstencións de Xinzo Adiante e do BNG co compromiso, por parte do goberno local, de incorporar a final de ano os puntos das enmendas do nacionalista que consideraron "asumibles". 

O plenario tamén aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno para incluir, nos documentos oficiais da administración local de Xinzo, un encabezado conmemorativo da figura do escritor Carlos Casares e do Día das Letras Galegas celebrado na capital da Limia.

Outros aspectos de trámite que se trataron no pleno foron os vencellados á corrección do Plan Económico Financieiro aprobado en sesión extraordinaria o pasado 27 de abril e que contou coa abstención de todos os grupos da oposición. Tamén abordouse a nova interpretación do convenio coa empresa Viacua, na que a concesionaria terá que abonar ao Concello de Xinzo un canon de 50.000 euros. 

Os grupos demandan máis concienciación ambiental

No apartado de "rogos e preguntas" o grupo Xinzo Adiante instou ao goberno local a realizar "un control máis exhaustivo" dos parques e espazos públicos da vila a prol de combatir as "malas conductas" por parte da cidadanía en cuestións vencelladas á limpeza. Neste sentido, Pérez Campos referiuse á "problemática" derivada dos donos de animais de compañía que non recollen os excrementos dos seus cans. O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, mostrouse "totalmente de acordo" e apelou á concienciación por parte da cidadanía neste sentido. 

O rexidor local tamén adquiriu o compromiso de manter os espazos verdes en bo estado a pesar de que, segundo sinalou, "hai numerosas baixas nas brigadas do Concello". Pola súa banda, a portavoz socialista, solicitou ao goberno local "que fagan partícipes á oposición" dos pasos que se den na obra da avenida de Celanova. Lama reclamou, por outra parte," a reposición das especies autóctonas do parque de O Toural e da praza Xoán 23". A socialista tamén pediu "as facturas e os gastos do evento do Día das Letras Galegas". 

Te puede interesar