Xinzo propón incluir unha árbore no catálogo galego

árbore
photo_camera Elvira Lama e o edil de Infraestruturas locais, Rafael Penabad, xunto ao exemplar.
Trátase dunha catalpa ou árbore das trompetas e está ubicada no Toural

O Concello de Xinzo continúa a impulsar o seu plan para poñer en valor as zonas verdes do municipio. A última acción nesa dirección é a proposta para incluir no catálogo de especies senlleiras de Galicia unha catalpa ou árbore das trompetas sobre a que, segundo subliñan dende o Consistorio, "non se coñecen outras de dimensións tan sobresaíntes na comunidade galega". Por ese motivo, consideran que o exemplar "pode ser un bo representante no rexistro da Xunta de Galicia". Destacan, neste senso, "as súas vistosas follas, de forma variable, pero normalmente acorazonadas e de bordo enteiro, de cor verde brillante e ásperas ao tacto. Quizais o aspecto máis relevante sexa o tamaño destas, xa que poden superar os 20 centímetros de lonxitude".

Por outro lado, apuntan que o tronco "é inclinado" e a súa copa "redondeada e aberta, non compacta pola ausencia dalgunhas ramas estruturais". Do mesmo xeito, as flores "son moi vistosas, de cor branca e manchadas de amarelo e violeta. Acadan os tres centímetros de largo. Outro aspecto que chama a atención desta árbore son os seus froitos". 

Ademais desta proposta para revalorizar os espazos verdes, entregáronse 60 exemplares ás Anpas dos dous colexios da vila e estase realizando un saneamento e plantación de novas árbores, encargado tamén polo Concello a un doutor en investigación agraria e a unha enxeñeira forestal .

Te puede interesar