EXPOSICIÓN

Na arte, o tamaño non importa

O Marcos Valcárcel acolle "Concentrados", unha colección de 16 pezas que busca poñer en valor o pequeno formato a través das aportacións de 15 autores

Unha das pezas que compoñen a mostra "Concentrados" do Marcos Valcárcel.
Unha das pezas que compoñen a mostra "Concentrados" do Marcos Valcárcel.
Na arte, o tamaño non importa

Nos anos que o Marcos Valcárcel leva aberto como espazo cultural e formativo, as súas salas viron centos de exposicións de moitos artistas, tanto da provincia como galegos, e mesmo estranxeiros. Moitos deles agasallaron ao centro cultural con pezas propias "elixidas pensando nun criterio de continuidade e para deixar así a súa pegada", explica o director do Marcos Valcárcel, Paco González, que onte abría a exposición "Concentrados", unha colección de 16 pezas de 15 autores, que se pode visitar ata o día 25 de novembro na sala 0 do edificio, sito na rúa Progreso. 

"Con esta colección-explica González- queremos, ademais de reflexionar sobre a historia do Marcos Valcárcel, plantexar un debate sobre a importancia da arte, sen falar de tamaño, que é o que se acostuma valorar. Hai pezas pequenas, como a Gioconda, e é un dos cadros máis famosos do mundo". Por iso, todas as obras de "Concentrados" teñen en común que son de pequeno formato, pertencentes ao fondo artística da Deputación de Ourense: "Non hai unha defición expresa para facer esta clasificación, pero digamos que unha obra de 50x50 se considera pequena". 


As pezas da colección


Entre as obras que se poden ver en "Concentrados" atópase o primeiro cadro que se colocou no Marcos Valcárcel despois da súa rehabilitación: "Mozuela", de Cándido Fernández Mazas, que data dos anos 20 do pasado século. O resto, son obras que se foron incorporando ao fondo da Deputación desde, aproxidamante, os anos 2000, con aportacións de artistas moi variados. "Temos pezas de artistas de aquí, como Pablo Otero ou Jorge Varela, ou doutros máis consolidados, como Silverio Rivas ou Cochorro", conta o director do Marcos Valcárcel, que destaca unha obra do ourensán Xesús Carballido: "Unha caixa de mistos, de apenas 8 centímetros de tamaño, que foi intervida polo artista. A arte non ten porque ter un gran tamaño para facer reflexionar".

Para González, a importancia de "Concentrados" é que, fronte a maioría de exposicións, que son d individuais, esta presenta "unha selección de obras de diferentes autores, implicados co Valcárcel, e esa pluralidade é moi importante".