Axenda cultural

Catro curtametraxes de premio

agenda
photo_camera Fotograma da curtametraxe "Wald Der Echos", premiada no FICBUEU.

"Fox", "Ruah", "Wald Der Echos" e " Bier&Calippo" forman parte do palmarés do FICBUEU 2017. Hoxe poderanse ver no xardín do Arqueolóxico, ás 21,30 horas

"Ourense abre as portas á curtametraxe", asegura Severiano Casalderrey, programador do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU). As colaboracións entre a organización deste evento cultural e o Cineclube Padre Feijoo son varias.

O pasado maio "fixemos unha proxección conxunta de cintas co tema central da medicina, que se proxectaron en Ourense, O Barco e Verín", explica. Hoxe, no marco do VeránEarte, proxectaranse as catro curtametraxes internacionais premiadas no FICBUEU 2017. A cita será ás 21,30 horas no xardín do Arqueolóxico.

As pezas que se poderán ver hoxe proceden de tres países diferentes e con temáticas diversas. Por unha banda está "Fox", procedente de Grecia, que conta a historia de Stephanos, un mozo que está a traballar e escoitando rap, mentres a súa nai está planificando o día. Tras outra pelexa entre eles, el queda só para coidar dos seus dous irmáns.

Outra das curtas que se proxectarán será "Ruah", de Suiza, protagonizada por nove personaxes moi diferentes. Por último, será a quenda das dúas obras procedentes de Austria: "Wald Der Echos" e "Bier&Calippo". A primeira, unha proba na que será o espectador deberá decidir cal das dúas historias que se lle presentan é real e cal é un espello; na segunda, un grupo de adolescentes quere ir de xira, pero parece que as cousas poden complicarse.

Catro exemplos para sumerxirse de cheo no mundo das curtametraxes, "con pezas variadas e dunha calidade impresionante. Estas obras fan gala da realidade deste tipo de creacións, que son diferentes e interesantes". En total, a sesión de hoxe durará uns 100 minutos, "porque estas curtas son tirando a longas".

Con esta colaboración entre o FICBUEU e o Cineclube, conséguese tamén visibilizar proxeccións que se escapan do cine tradicional. Por iso, desde a organizaión deste festival intentan que se vexan estas pezas noutras localidades, "por unha banda para que sexa unha pantalla do que nós facemos e para reivindicar o formato da curtametraxe". 

Te puede interesar