Agenda cultural

Claves teatrais para a vida cotiá

WhatsApp Image 2018-05-07 at 17.18.05
photo_camera Vicente Montoto, tras recibir o Premio de Honra Marisa Soto.

O actor e director Vicente Montoto chega a Ourense para dirixir un obradoiro teatral no espazo Lever du Soleil durante maio e xuño

"Hai certas técnicas que aprendín das escolas nas que me formei, dos mestres que tiven e da propia experiencia de actor de todos estes anos", comenta Vicente Montoto. 

Este coñecemento será o que poña ao alcance dos que se inscriban no seu Laboratorio Teatral que terá lugar no espazo creativo ourensá Lever du Soleil. A formación comeza mañá ás 19,00 horas e terá unha duración de dous meses, ata o 27 de xuño. Montoto, de 75 anos, leva máis de cinco décadas adicándose ao mundo da interpretación, onde ademais de actor tamén leva traballado como autor e director.

Por outra banda, como docente, realizou cursos con rapaces novos e tamén con maiores. Recentemente, acaba de recibir o Premio de Honra Marisa Soto pola súa longa traxectoria artística. 


O laboratorio


"O primeiro que faremos será investigar o noso propio corpo, que é onde residen as trabas e os medos, pero tamén o coñecemento para superalos", explica o actor. Por iso, Montoto presentará ferramentas útiles para mellorar a expresión oral, para que a voz non se pare ante os nervios e para que o corpo tampouco se frene. "Son técnicas de autocoñecemento que serven para liberarse, para superar a timidez e as dificultades", afirma o ourensán.

Entre as claves que desvelará en Lever du Soleil atópanse fórmulas como o dominio da respiración ou a capacidade de aprender a relaxarse para ser máis eficaces. 

A formación non está dirixida unicamente a persoas relacionadas co mundo da interpretación, senon para todo aquel que teña interese en profundizar no saber sobre o corpo e a comunicación oral. "Que se anime todo o mundo. Os que estén interesados e aínda non se apuntaron, que veñan directamente mañá á primeira clase", invita Montoto.

"Tiña ganas de volver a Ourense, apetéceme sempre, aínda que agora viva máis en Santiago. E ademais, encántame a iniciativa cultural de Lever du Soleil", recalca.

Te puede interesar