Axenda Cultural

A tradición musical de Carapaus

20180817222900579_result
photo_camera Carapaus estará actuando na praza da Mezquita o luns, 20 de agosto.

A Mezquita acollerá o vindeiro luns, día 20, unha ampla oferta de muiñeiras e foliadas, "non aptas para aqueles que non teñan ganas de pasalo ben"

O grupo compostelán Carapaus visita este luns, día 20, o concello da Mezquita para inundar a vila coa súa música de estilo tradicional.

Carapaus volve a Ourense, a cidade na que se xerminou este proxecto musical que naceu no ano 2010. "Fai oito anos coincidín con Emilio Lois e Gustavo Couto na realización dunhas xornadas de patrimonio e cultura que se celebraban na cidade. Aí decidimos unir os nosos estilos e crear un proxecto propio", indica Oli Xiráldez, integrante da banda.

Carapaus, verba portuguesa empregada para referirse ao peixe mariño, simboliza "a presenza das influencias do país veciño nos nosos temas", explica Oli. "Parte do noso repertorio está conformado por música portuguesa, ademais de que eu mesmo son das Rías Baixas, polo que decidimos incluir esaproximidade na esencia do noso grupo".


Carapaus defínese por producir unha "música en galego que sone a galego, cunha melodía tradicional marcada por influencias do norte e do sur de Galicia, así como dos sons de Vilagarcía de Arousa", sinala Xiráldez, frautista do grupo.


"Lois, ademais de ser o gaiteiro, é o  compositor de boa parte do noso repertorio". Aos sons de Emilio e Oli únense a voz e o acordeón da ourensana Sabela Dacal, así como o bombo de Alberto Pires e Gustavo, responsable de dar voz aos temas.

Nos dez anos de traxectoria, Carapaus conta con dous traballos publicados, "Conservas de música tradicional", lanzado no ano 2012, e "Déixao andar", producido no 2015. Neste sentido, "estamos traballando no noso próximo disco, que esperamos lanzar durante o próximo ano", resalta Oli.


"Canto de Baltasar", unha das cancións de Carapaus, está composta pola artista Sés, con quen gardan moi boa relación. "A experiencia foi moi positiva. A amizade que nos une con ela remóntase aos inicios do grupo, cando compartimos escenario en Bertamiráns", explica Oli.


Cunha variedade de xotas, muiñeiras e foliadas, os concertos de Carapaus "non son aptos para aqueles que non teñan ganas de bailar e de pasalo ben", conclúe o integrante do grupo.

Te puede interesar