AXENDA CULTURAL

Comedia para superar o conflito

uploaded_tropa_result
photo_camera "A Tropa Trapalleira", durante unha das súas interpretacións.

"A Tropa Trapalleira" emprega un humor absurdo para invitar á reflexión sobre o ilóxico das guerras e a importancia do diálogo e da tolerancia

"A Tropa Trapalleira. Pequena trapallada e algunha que outra batalla" é unha reflexión en clave de comedia sobre o absurdo dos conflitos bélicos e as súas consecuencias.

"Vivimos tan distraídos que non nos decatamos de que estamos nun dos momentos da historia con máis guerras activas, polo que decidimos empregar o teatro para facer unha chamada de atención tanto a nenos coma a maiores", explica Roi Méndez, actor do espectáculo. 

Un exercicio teatral colorista e dinámico que pon de manifesto o absurdo dos conflictos e a importancia do diálogo e da tolerancia. "A tropa trapalleira", que se representa hoxe ás 12,00 horas no Auditorio Municipal, diríxese a un público entre os 6 e os 99 anos. 


"É un tema difícil de tratar polo que decidimos abarcalo dende o humor, ofrecendo dúas lecturas: unha máis cómica para os nenos e nenas, e outra máis reflexiva e crítica para os adultos", sinala Méndez.


"A tropa trapalleira" foi a primeira experiencia teatral da compañía compostelá BocAberta para o público infantil. "Queríamos probar novas fronteiras e aínda que supón certa dificultade á hora de plantexar un tema, é un público moi agradecido. A ilusión coa que contemplan o espectáculo é a nosa motivación", indica o actor.

Nos catro anos de traxectoria de BocAberta, os seus integrantes -Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez-, apostaron por crear espectáculos teatrais dirixidos de forma indistinta a un público adulto e infantil, pero sempre mantendo o seu selo propio. "En cada un dos nosos traballos a expresión corporal ten moita importancia. Ante o público infantil, por exemplo, axúdanos a captar e manter a súa atención na escena. É unha parte máis do espectáculo esencial para expresarnos".

A comedia é o xénero por excelencia dos seus traballos. "En cada representación perseguimos dous obxectivos: que o público disfrute do noso traballo, pero transmitindo unha reflexión, sen quedarnos unicamente no anecdótico". 

Te puede interesar